O primeiro episodio do videoxogo galego AR-K sae á venda en formato físico

venres, 23 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

O videoxogo galego AR-K, de cuxo procesos de creación e galeguización falamos hai pouco en Código Cero, ten novidades que amosar. E, de feito, novidades importantes. Así nolo contan os responsables da proposta dixital, os integrantes do estudo coruñés Gato Salvaje, que veñen de advertirnos de que xa temos nas tendas, en formato físico, a súa criatura. E todo debido ao “gran éxito obtido pola súa distribución en liña”. Cómpre lembrar que o episodio inicial desta aventura gráfica foi, segundo informan os rapaces de Gato Salvaje, “o máis vendido no seu xénero en portais de recoñecido prestixio, como Games Planet, The Adventure Shop ou Media Markt”.
Asemade, engaden, obtivo excelentes críticas dos especialistas en videoxogos, como por exemplo das publicacións Micromanía, Vandal o Meristation. Neste último portal, sen ir máis lonxe, salientáronse múltiples detalles da achega galega, como “o gran acabado técnico” ou o carisma do seu personaxe principal, “unha moza sarcástica, fachendosa, cínica e absolutamente encantadora”.
A feitura física de AR-K chega pois esta semana aos puntos de venda, quioscos e tendas especializadas da nosa terra, para logo dar o chimpo a uns 21.000 establecementos de toda a xeografía estatal. O seu prezo é de 9,95 euros, o mesmo có da versión dixital, descargable aínda na web do estudo coruñés. Por certo que o segundo episodio estará dispoñible no vindeiro mes de xuño e fornecerá aos usuarios de novas aventuras de Alicia, de novo coa voz de María Castro. Sinalar que tamén puxeron o seu gran de area, para a materialización dos personaxes, os actores Antonio Durán Morris, Miguel Pernas e Andrés Bellas.
Un pouco de historia
Sergio Prieto, Javier Vara Calviño e Javier Vilar Ortiz, integrantes de Gato Salvaje, tiveron a idea deste proxecto mentres o tres cursaban o master de animación 3D MAISCA, na Universidade das Balears. En troques de emigrar, decidiron investir a súa formación e coñecementos en desenvolver un produto innovador desde a súa propia terra. O resultado é un produto con sabor independente, pero cunha presentación gráfica moi por enriba do que adoita ser habitual en empresas pequenas. O seu mérito é maior, aínda, ao non contar os seus creadores con ningún tipo de axuda ou subvención oficial.
A aventura que chega agora ás tendas en formato físico conta a historia de Alicia, unha estudante de xornalismo cuxa vida transcorre nunha sociedade utópica, onde todas as necesidades parecen estar cubertas. Con todo, vive en primeira persoa unha serie de acontecementos que lle fan dubidar do que cre saber sobre o seu mundo. O achado dun misterioso obxecto lévaa a introducirse nunha complicada trama de investigación, na que terá que detectar todas as mentiras que separan a aparencia da realidade.