O novo director do ICAA declárase internauta perante a industria española do cinema

luns, 27 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Malia que os tempos non están para asumir publicamente que se está na Rede, sobre todo porque iso semella facernos sospeitosos de sermos criminais a ollos de certos defensores ultraortodoxos das licenzas de autor por obra creada, este (o de pórse ante a sociedade como internauta) foi finalmente o camiño elixido por Ignasi Guardans, o novo director do Instituto de Cinematografía e as Artes Audiovisuais (ICAA) á hora de iniciarse oficialmente no seu cargo. Máis polo miúdo, a súa declaración de intencións perante unha boa parte dos persoeiros do eido cinematográfico español foi a seguinte: “Eu tamén son internauta”. O novo responsable do organismo encargado de distribuír as axudas ao cinema, ex eurodeputado de Convergencia Democrática de Catalunya, semella ter amosado no seu acto de investidura certa vontade de diálogo cuns colectivos que en certos círculos da cultura están a ser vistos como os grandes culpables de que xa non se acuda ás salas de cine tanto como antes ou que xa non se merquen tantos CDs como ha anos: os colectivos internautas.
Sen especificar no papel que xogan nisto guionistas, directores e produtores musicais do país (unha boa parte deles coas súas bazofias particulares pedindo financiamento), o discurso de Guardans non parece botar a ninguén fóra do carro.
Temos que atopar un modelo audiovisual que estea no século XXI, traballar xuntos e ao mesmo tempo protexer os dereitos dos creadores”, dixo, facendo referencia a unha práctica, a de usar redes abertas de fluxo de arquivos na Rede que para unha boa parte da cultura que representa o Goberno e máis a SGAE é piratería pura e dura e que para unha porcentaxe importante da comunidade internauta é máis ben un intercambio libre de coñecemento.
Denominacións axustadas aparte, o novo director xeral do ICAA tivo tempo e espazo no seu discurso para tenderlle a man aos colectivos que defenden unha Internet máis aberta: “Estamos todos do mesmo lado, e todos queremos que siga habendo cinema español, o que esixe meirande organización a partir de agora”. Ao seu xuízo, non é certo que o departamento do que depende, o Ministerio de Cultura, se vaia pechar no que se refire a conseguir un equilibrio entre o que piden uns e piden os outros, el e máis a ministra Ángeles González-Sinde están no mesmo proceso de filmación, unha rodaxe na que (sinalou) el asumirá os labores de produción e a ministra as de dirección e escritura do libreto.