O ITG mediu máis de 2.500 millóns de datos durante o campionato surfeiro de Pantín

martes, 10 de setembro do 2019 Fernando Sarasketa

O surfeiro Miguel Tudela tivo ocasión de experimentar coa tecnoloxía do ITG

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) vén de facer balance da actividade da súa tecnoloxía no campionato de surf de Pantín, o ABANCA Galicia Classic Surf Pro, no que a aplicación Flythings do ITG é xa unha vella coñecida. Pois ben, este ano houbo novidades importantes e relevantes fitos dos que dar conta. Para comezar, a dita tecnoloxía do ITG foi quen de medir máis de 2.500 millóns de datos durante o evento deportivos. A cita, como lembraremos, desenvolveuse en augas ferrolás entre o 28 de agosto ao 7 de setembro.
O ITG achegou á competición a última evolución da súa tecnoloxía FlyThings, que consta dun dispositivo hardware (cun peso de 90 grs e unhas dimensións de 10 x 5cm) e un software que ilustra sobre o sinal de TV os valores que alcanza o deportista en cada unha das súas manobras. Nesta edición, informa o centro tecnolóxico galego, a solución foi máis evolucionada aínda cá empregada en 2017 (o primeiro ano no que FlyThings fixo acto de presenza en Pantín), co que se conseguiu “dar resposta ás propostas de mellora dos surfeiros, xuíces e organizadores”.

Nava Castro comprobou o funcionamento de FlyThings


Así, durante os 11 días do campionato mundial, a tecnoloxía do ITG mediu e tratou máis de 2.500 millóns de datos; máis dun millón de datos rexistrados por sensor en cada manga. Surfeiros de renome, como por exemplo Nat Young, Wesley Dantas, Deivid Silva, Gony Zubizarreta, Silvana Lima ou Miguel Tudela, puideron experimentar coa dita solución durante a competición. O rider peruano Tudela destacou que “coñecer a velocidade ou a forza coa que competimos, ter un dato numérico nese sentido, pódenos axudar a mellorar nos adestramentos”. Pola súa banda, Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, visitou a caseta de ITG no campionato e felicitou ao centro tecnolóxico por axudar a “situar o campionato na vangarda e como referente internacional”.
Novidades
Entre as novidades da versión presentada incluíronse melloras como a integración do dispositivo na licra dos competidores (na edición anterior o dispositivo estaba integrado na táboa); a detección automática do inicio da onda por parte do surfeiro, así como dos seus movementos; a transmisión en tempo real dos datos rexistrados ou a creación dunha aplicación móbil gratuíta para recibir os datos nos dispositivos móbiles dos asistentes.
Segundo Santiago Rodríguez Charlón, directivo do ITG, “a solución que presentamos neste campionato mellora a presentada en 2017 porque continuamos traballando con todas as partes involucradas no mundo do surf e tamén noutros deportes acuáticos”. En termos máis concretos, puxo en xogo máis datos, mellores comunicacións, procesado automático e “unha presentación máis visual para o espectador”.
A través dunha rede sen fíos de comunicación radio, FlyThings foi quen de medir a velocidade do surfeiro (instantánea, media e máxima), a distancia percorrida (instantánea e total), a forza G coa que se realizou cada xiro ou manobra, a velocidade de rotación coa que se fixo cada xiro ou movemento, o número de ondas surfeadas e o número de manobras realizadas. Así mesmo, ao finalizar o percorrido na onda, elaborou un resumo dos valores medidos.
O ITG sinala tamén que se trata dunha solución totalmente automatizada (non require control por parte de persoal técnico), visualizábel a través dunha aplicación móbil específica.
Unha vez finalizadas a mangas, a ferramenta fixo comparativas entre os diferentes competidores, engadindo aos valores devanditos o número de ondas e de manobras totais. “Todo iso co fin de valorar, de forma obxectiva, o esforzo, a habilidade e a destreza dos deportistas”, engade o ITG.

PUBLICIDADE