O Goberno galego seguirá avanzando en 2021 na dixitalización das bibliotecas

mércores, 30 de decembro do 2020 Redacción

O Goberno galego vai traballar o ano vindeiro na elaboración dun novo mapa de bibliotecas, que servirá para diagnosticar a situación actual destes centros e permitirá garantir o acceso a estes servizos nos lugares nos que a día de hoxe non contan con eles. A medida foi dada a coñecer este martes 29 polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen fixo un balance da situación actual da rede galega de bibliotecas, que, segundo fixo saber, contarán cun medre do investimento en 2021 até os 7,4 millóns de euros. Con este crecemento, fortalecerase o sistema bibliotecario e farase avanzar a súa dixitalización, dixo.
Tamén lembrou que Galicia supera a media de España de comunidades con mellor ratio de bibliotecas e puxo o foco nos datos do Anuario de Estatísticas Culturais de España que cifra en menos de cen os concellos galegos que carecen de biblioteca local na Comunidade.
Recordou que un dos obxectivos máis inmediatos da Xunta é o de “concretar novas ferramentas de cooperación coas administracións locais que permitan coñecer as necesidades bibliotecarias de cada unha delas”. Para iso, engadiu, a Xunta elaborará o segundo mapa de bibliotecas de Galicia, unha ferramenta posta á disposición dos concellos que “amosará a situación actual e permitirá facer diagnose de necesidades de servizo bibliotecario de cada municipio”. De xeito complementario, desenvolverase o proxecto de bibliotecas itinerantes para garantir o acceso deste servizo á maior parte dos usuarios na Comunidade.
Lorenzo fixo tamén balance das medidas postas en marcha desde a entrada en vigor da Lei de Bibliotecas de Galicia que, como indicou, “permitiu reforzar a cooperación entre os axentes con competencias nesta materia”. Inclúense subvencións para o crecemento e actualización das coleccións das bibliotecas para o que este ano se dedicaron 850.000 euros; as axudas para equipamentos culturais de concellos cun investimento de 500.000 euros, así como a potenciación do papel da Biblioteca de Galicia como institución central do Sistema Galego de Bibliotecas incluíndo a posta en marcha da biblioteca dixital Galiciana e garantiu a aposta do Goberno autonómico por seguir impulsando a dixitalización e a innovación nas bibliotecas.


PUBLICIDADE