O DOG recolle a nova Lei de telecomunicacións de Galicia

venres, 7 de xuño do 2013 Redacción

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Lei impulso e ordenación das infraestruturas e telecomunicacións de Galicia (descargable en formato PDF), que converte ás telecomunicacións nun servizo de primeira magnitude, garantindo o seu desenvolvemento de xeito máis coordinado, con maior planificación e máis anticipación. Esta Lei, aprobada polo Parlamento galego o pasado 14 de maio, entrará en vigor no prazo dun mes tras a súa publicación no DOG.
Galicia é a primeira Comunidade de España en apostar por unha iniciativa desta envergadura, unha lei que complementa á normativa estatal e coa que se evitará duplicar esforzos e investimentos nas administracións públicas e se acadará unha maior coordinación entre os axentes públicos e privados.
Coordinar axentes públicos e privados
A nova lei obrigará aos operadores e as administracións públicas a remitir información sobre os plans de despregamento executados ou previstos. En base a esta información elaborarase o primeiro Mapa de Infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, que evitará a superposición de iniciativas aos operadores privados e concellos. Unha iniciativa, pioneira en España, na que se está xa a traballar e que permitirá establecer un plan de despregamento coordinado e en base a necesidades reais.
O mapa de infraestruturas permitirá desenvolver o futuro Plan de ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, que establecerá os criterios a seguir nesta materia nas ordenanzas municipais. Así mesmo, obrigará á inclusión das infraestruturas de telecomunicacións nos planeamentos urbanísticos, convertendo aos servizos de telecomunicación nun servizo máis para todos os galegos, ao igual que o son a auga ou a luz.
Outra medida chave desta lei é o fomento do uso compartido de infraestruturas por parte dos operadores para evitar a extensión desordenada destas e reducir o investimento necesario.
Vivendas, edificios públicos e redes viarias
Ademais, a lei garante que toda vivenda que se constrúa contará coas infraestruturas mínimas para a incorporación dos servizos do Fogar Dixital. Esta medida facilitará a introdución nos fogares galegos de novos servizos socio - sanitarios, unha mellor eficiencia enerxética, unha maior seguridade, servizos de teleasistencia, etc. o que levará consigo unha mellora na calidade de vida do cidadán e un achegamento aos servizos públicos. Do mesmo xeito que suporá un importante impulso ao sector tecnolóxico de Galicia (instaladores, fabricantes...).
No caso dos edificios públicos a norma contempla a previsión das infraestruturas necesarias para garantir o aproveitamento das TIC na prestación de servizos públicos, reducindo o custo que suporía implantalas unha vez concluído o edificio.
En canto ás novas infraestruturas viarias, está en tramitación o decreto que obrigará a que todas as novas estradas e vías de alta capacidade autonómicas incorporen as canalizacións precisas para instalar redes de telecomunicacións, evitando o gasto que suporía a implantación una vez rematada a obra e que se usarán para interconectar Galicia a redes de moi alta capacidade, favorecendo así á vertebración territorial.

PUBLICIDADE