O Cluster Audiovisual lanza publicación para lucir talento galego: Díxome Díxome
martes, 23 de outubro do 2018
Hoxe
presentouse no espazo de innovación gastronómica La Galiciana de
Santiago unha proposta de comunicación igualmente innovadora: a
revista Díxome Díxome que lanza o Clúster
Audiovisual Galego co obxectivo de facer ver o noso talento en
todos os recantos da nosa terra. Na cita, na que se xuntou unha
manchea de representantes do sector e medios de comunicación,
participaron o presidente do Clúster e o vicepresidente de
Estratexias de Comunicación, Jorge Algora e Miguel Conde, que
estiveron acompañados da editora da revista, Mar Delgado
No acto
fixeron saber que se trata dunha publicación moi coidada, moi visual
e que responde a unha demanda do sector que vén de antigo. Tamén se
fixo fincapé en que a versión en papel, para ver, tocar e ler,
compleméntase cunha versión dixital dispoñible na web do Clúster,
e máis co envío da revista en formato dixital a case 40.000
empresas.
Durante
a súa intervención, Jorge Algora, quen abriu o acto, presentou a
publicación como “un proxecto común para todo o audiovisual” e
puxo de manifesto “a importancia de contarmos cun espazo de noso
que dea acubillo a todo o audiovisual galego.
Pola
súa banda, Miguel Conde amosouse convencido da relevancia desta
iniciativa editorial que xorde grazas ao empeño do Clúster
Audiovisual Galego. “Temos que axudar a que se consolide o
audiovisual galego, que xa ten moito prestixio, e Díxome Díxome
nace desa idea”, explicou, engadindo que a revista contará “o
que se está cociñando na nosa industria, proxectos como unha
rodaxe, que poden ter interese para o público”, indicou.
Conde
tamén explicou que “a revista será a bandeira que nos una, que
una a todo o sector, para lograr que se consuma máis audiovisual
galego”.
Para
Mar Delgado, a publicación é un “valor engadido que non só
potencia a comunicación entre o sector, tamén abre unha xanela para
que a sociedade en xeral coñeza mellor o mundo audiovisual galego”.
Mar Delgado engadiu que a revista, que polo de agora será de
periodicidade trimestral, xorde coa arela de ser unha publicación
que reflicta o traballo do sector, os proxectos presentes e futuros,
e tamén de ofrecerlle ao lector información útil. De aí, da
necesidade de transmitir espírito innovador, amais de proximidade e
utilidade, xurdiu a crenza compartida de que o máis conveniente
sería o gran formato para a feitura externa de Díxome Díxome.
“Queríamos que fose unha revista de gran tamaño porque o noso
audiovisual precisa imaxe e fabrica imaxes, de aí que non houbese
dúbida ao respecto sobre a necesidade de potenciar o elemento
visual”.
A
revista, que xa están en marcha dende o verán, ten seccións moi
diversas que ofrecen diferentes xanelas e perspectivas da rica
variedade do noso sector, buscando dar visibilidade aos proxectos e
creacións dos profesionais que desenvolven o seu traballo en
Galicia, e dando cabida a iniciativas de natureza múltiple como
información, formación ou innovación, converténdose “nun espazo
informativo e de lecer”, pero tamén en “mesa de debate
recollendo os temas de actualidade que afectan ao audiovisual”.
O
primeiro número está
dispoñible na súa versión en liña na
páxina web do Clúster Audiovisual Galego:
