O CPETIG meteranos con #SilverBullet18 no miolo da xestión exitosa de proxectos

venres, 10 de agosto do 2018 Fernando Sarasketa

Malia a baixada de actividade de agosto, unha baixada inevitábel, setembro e outubro prometen compensarnos con grandes acontecementos TIC. Por exemplo a segunda edición do Congreso de Xestión de Proxectos, #SilverBullet18, organizado novamente polo CPETIG (o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia). A cita será en setembro na Cidade da Cultura, nunha data da segunda quincena aínda por determinar, da que se informará en datas vindeiras.
O congreso, organizado coa colaboración da axencia autonómica AMTEGA, ten o obxectivo de tender pontes e derrubar barreiras entre a oferta e a demanda do sector da xestión de proxectos, achegando “un espazo de encontro para propiciar un intercambio de información e opinión entre as persoas asistentes”. En base a isto, búscase fomentar a adquisición de habilidades de comunicación, xestión de recursos humanos e liderado, amais de contribuír a amosar as tendencias metodolóxicas no eido da xestión de proxectos software.
Segundo avanza o CPETIG, contarase coa presenza activa de relatores de referencia profesional e especial relevancia no sector. A idea é que as súas intervencións e as conseguintes intervencións dos asistentes favorezan a reciclaxe profesional e a actualización de coñecementos, accedendo ás últimas novidades e tendencias neste ámbito.
Como lembraremos, a edición do ano pasado, celebrada en maio, foi un éxito de público (contou coa presenza dun cento de profesionais, entre representantes das nosas empresas, investigadores, expertos e docentes), de repercusión mediática e de coñecemento xerado. Entre os relatores da edición anterior figuraban José Luis Iparraguirre, director de IAL Software Engineering; Carlos González Jardón, consultor de Xestión de Proxectos e promotor do Capítulo PMI en Galicia; Javier Garzás, mentor áxil e experto en xestión de proxectos e equipos; Susana Gómez Carnero, directora executiva en Origami Soluciones e directora executiva de BNI Galicia; Javier Cebreiros, socio do espazo de innovación social Impact Hub Vigo e da empresa InfoJC; ou Jaume Gurt, director de Organización e Desenvolvemento de Persoas en Schibsted Spain, compañía que xestiona os portais Infojobs, Fotocasa, Vibbo, Coches.net e MilAnuncios.
Respecto do nome do congreso, #SilverBullet, lembrar que está inspirado nun “coñecido antipatrón” da xestión de proxectos, ou sexa, un concepto que serve de “anti-referente” para darmos da maneira máis doada posíbel co camiño de desenvolvemento empresarial polo que nunca, baixo ningún concepto, debéramos introducirnos: o camiño de algo que xa foi probado e que deu sinais claros de non ser de utilidade ou requirido ou demandado. Silver Bullet sería polo tanto “a bala de prata”, un concepto acuñado polo enxeñeiro de software Frederick P. Brooks en 1987 en alusión á inexistencia de metodoloxías, ferramentas ou solucións milagreiras que permitan que un proxecto que xa se converteu nun monstro polos adiamentos, os custos, a calidade, etc, volva ser un proxecto ben xestionado, “algo que unicamente se podería facer cunha bala de prata”.
Quen precise máis información sobre o evento ou ben formalizar a inscrición poderá facelo na web específica do congreso, silverbullet.cpetig.org, que volverá coller impulso en datas vindeiras.

PUBLICIDADE