O CITIC presenta o proxecto europeo 3-i ICT
venres, 25 de marzo do 2022
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da
Coruña acolleu esta mañá o acto
de presentación do proxecto europeo 3i-ICT (International, Interdisciplinary
and Intersectoral Information and Communications Technology PhD Programme) que
conta cun financiamento de máis de 1,3 millóns de euros por parte da Comisión
Europea e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de
Galicia. Trátase do primeiro programa concedido a unha institución galega
dentro da convocatoria europea MSCA-COFUND do programa marco europeo H2020.
Con 3-i ICT captaranse a nivel internacional oito
investigadores/as que desenvolverán as súas teses de doutoramento no CITIC. O
programa ofrecerá unha ampla formación en habilidades de investigación e
transferencia, e proporcionará unha sólida vantaxe competitiva no
desenvolvemento profesional das persoas participantes.
O acto de apertura estivo presidido por Salvador Naya Fernández,
vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, que
ademais é investigador do CITIC. Sinalou que “a posta en marcha deste proxecto
non pode ser máis oportuna, debido ao crecemento exponencial da ciencia e
especialmente das TIC”, e engadiu que os “obxectivos do proxecto están aliñados
cos eixes estratéxicos da UDC”.
Tamén participou na apertura do acto o xefe do servizo de
Planificación e Estruturación da Investigación da Consellería de Cultura,
Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Faustino Infante Roura, que
transmitiu os parabéns en nome da Xunta de Galicia ao CITIC por acadar o
primeiro programa H2020-MSCA-COFUND que se concede a unha institución galega.
Tamén destacou que “o persoal investigador captado atopará no CITIC un
ecosistema idóneo para o desenvolvemento da súa carreira”.
Seguidamente, a vicerreitora de Estudantes, Participación e
Empregabilidade da UDC, María José Lombardía Cortiña, indicou que o proxecto
3-i ICT pretende “potenciar a figura da muller na ciencia e reducir a fenda de
xénero”, nunha situación na que o “porcentaxe de mulleres matriculadas en
enxeñarías non chega ao 25 %”.
Pola súa banda, o director do CITIC, Manuel F. González
Penedo, resaltou que “con este programa reforzaranse liñas de investigación
multidisciplinarias nas que o centro conta cunha longa traxectoria como son a
biomedicina, a industria 4.0, o procesamento da linguaxe natural e a sustentabilidade”.
A responsable da Unidade de Proxectos Europeos do CITIC, Ana
Almécija Pereda, presentou este innovador programa formativo, que terá unha
duración de cinco anos, durante os que se realizarán dúas convocatorias de captación
de talento predoutoral.