O CESGA culmina o día 16 os actos de celebración das súas dúas décadas de actividade

xoves, 5 de decembro do 2013 Fernando Sarasketa

O supercomputador FinisTerrae, o corazón do CESGA

O Centro de Supercomputación de Galicia culmina dúas cousas en 2013: un intenso ano de iniciativas e proxectos (por exemplo a súa participación en Fortísimo) e máis unha longa listaxe de de actividades destinadas a celebrar as súas dúas décadas de traballo achegando cálculo e comunicación de altas prestacións, entre outras moitas cousas. Actividades coma a celebrada con HP e Intel, ou a que desenvolveu con Fujitsu. Asemade, tamén algún que outro recoñecemento, coma o concedido por El Correo Gallego con motivo das “súas dúas décadas de servizo á comunidade investigadora galega e ao Consello Superior de Investigación Científicas (CSIC)”, ao que cómpre engadir a súa participación en máis de 170 proxectos de I+D que mobilizaron 532,7 millóns de euros. Pois ben, todo isto vai culminar o vindeiro 16 de decembro, cun evento de celebración no que teñen programado concorrer o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e máis o presidente do CSIC, Emilio Lora-Tamayo.
A cita desenvolverase a partir das 19.30 horas, no auditorio do Centro de Novas Tecnolóxicas de Galicia (CNTG). Contarase coa presenza de boa parte dos representantes do tecido investigador galego e máis das nosas empresas do sector das novas tecnoloxías da información e do eido dixital.
Vinte anos de celebración
O CESGA cumpre vinte anos á vangarda de Europa en materia de innovación. Ou sexa, que ao falar do Centro de Supercomputación de Galicia falamos de vangarda ao cadrado. Como iniciativa tecnolóxica que é, e como iniciativa que foi quen de actualizarse ao longo de vinte anos que sen dúbida deron para moito, o CESGA ten uns alicerces firmes. Máis polo miúdo, catro piares robustos que ben poderiamos cualificar de ingredientes imprescindibles para garantir o éxito de toda iniciativa tecnolóxica ligada ao coñecemento, ao cálculo e en definitiva ao tecnolóxico. Falamos destes catro piares: excelencia científica, internacionalización, colaboración (dos 171 proxectos postos en marcha dende o CESGA, unicamente un deles foi obra exclusiva do Centro) e transferencia tecnolóxica (o que comunmente se entende como coñecemento de valor xerado nas universidades e nos centros de I+D e logo aplicado no eido empresarial da contorna). Cómpre salientar a cifra que incluímos entre parénteses: 171 proxectos, practicamente todos abordados en compañía de diversos compañeiros de viaxe, desenvolvidos ao longo de 20 anos (moitos dos cales, claro está, están aínda vivos e achegando froitos). En cuestión de cifras de orzamentos, estamos a falar de máis de 500 millóns de euros mobilizados. No que se refire a puntos fortes do CESGA, podemos resumilos nestes: computación e comunicación de altas prestacións, aprendizaxe a distancia, GIS e computación distribuída en sistemas grid e cloud. Isto tradúcese en traballos en áreas como a predición meteorolóxica, a análise da contaminación atmosférica ou a investigación en fármacos contra diversas enfermidades. Tal e como informan os responsables do Centro no número de xullo de 2013 da súa publicación Díxitos, o intenso e incansable labor no ámbito da Investigación e o Desenvolvemento converten ao CESGA nun motor de innovación para a nosa terra. Esta comparación coa parte máis técnica dun vehículo, co seu corazón, non é casual nin gratuíta. En certa maneira, os equipos tecnolóxicos e humanos que acubilla o Centro galego, no seu emprazamento do Campus Sur de Santiago de Compostela, permiten que unha boa parte da estrutura da investigación e a innovación da nosa terra sexa quen de moverse. Tal e como nos lembra de novo o CESGA, non sempre falamos, ao falarmos de ciencia, de científicos en espazos de traballo ateigados de instrumentos para o común da xente insondables nas súas funcións. Non, “a ciencia de vangarda depende cada vez máis de cálculos intensivos que requiren o emprego de grandes sistemas informáticos”. E aquí precisamente entra en xogo o CESGA: axudándonos a avanzar cara ao futuro.
O Centro de Supercomputación de Galicia púxose en marcha en 1993 froito dun acordo entre a Xunta de Galicia e o Consello Superior de Investigacións Científicas. Participou nos seus vinte anos de vida en 41 proxectos internacionais de investigación competitiva financiados con fondos europeos que mobilizaron máis de 160 millóns de euros, dos cales ó redor de 10 millóns investíronse na Comunidade.
Como dixemos, o conxunto dos 171 proxectos nos que o CESGA tomou parte nestas dúas décadas mobilizaron 532,7 millóns de euros, dos cales 13,4 foron ingresos para o Centro. A meirande parte destes proxectos desenvolvéronse con grupos de investigación das universidades e empresas galegas. O Centro colaborou ademais con múltiples grupos de investigación da nosa terra e do CSIC, participando en programas competitivos da Unión Europea e involucrándose en diversas redes de coñecemento.
Como lembraremos, na súa sede en Santiago o CESGA acubilla o supercomputador FinisTerrae, e apoiándose nel participa no desenvolvemento dalgunhas das principais infraestruturas cibernéticas de investigación, achegando persoal e tecnoloxías clave á maior rede de cálculo distribuído do mundo, a European Grid Infraestructure.
Asemade, estableceu relacións de traballo e alianzas con algúns dos principais centros da súa área en Europa, o que sen dúbida repercutiu positivamente á hora de emprazar á nosa terra nos eixes principais de actividade en I+D do continente. Dito doutro xeito: contribuíu á que dende a nosa contorna se nos tivese máis conta a nivel científico e tecnolóxico.
O Ministerio de Ciencia e Innovación recoñeceu ao CESGA, en 2008, como Infraestrutura Científico-Tecnolóxica Singular do Estado. No eido galego, xestiona a Rede de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia -cuns 90.000 usuarios- e colabora con centros de I+D+i, universidades, Centro Superior de Investigacións Científicas e empresas en múltiples iniciativas. A día de hoxe, empregaron as súas capacidades de cálculo preto dun milleiro de grupos de investigación. Deles, máis da metade están a facer uso, actualmente, destes recursos. “Todas estas interaccións”, informan os responsables do CESGA, “permitiron formar persoal altamente especializado no propio Centro, dende especialistas en informática a matemática ou química; facilitaron a presenza de grupos de investigadores galegos en proxectos internacionais; e permitíronlles aproveitar e mesmo transferir o coñecemento adquirido nesas iniciativas, polas que se recibiron diversos premios internacionais”.