Novo stylus sensible á presión para iPad
xoves, 6 de setembro do 2012
En outubro vai pórse á venda Pogo Connect por 79,95 dólares (63,38
euros), un stylus sensible á presión
(como os empregados nas táboas dixitalizadoras) que é compatible co iPad (co
que se comunica a través de Bluetooth 4.0) o que permite un uso preciso e rico
de aplicacións de debuxo no tablet de Apple.
Esta ferramenta de debuxo non precisa de calibración, detecta centos de niveis
de presión e pode empregarse en calquera ángulo, polo que o seu uso é o máis
semellante que podemos atopar a debuxar directamente sobre a pantalla do iPad.
Mide 13 centímetros de longo, ten un diámetro de 1,17 centímetros e a súa punta
é de só 7 milímetros. Funciona cunha batería AAA (coa que pode alimentarse
durante meses) e incluso pode considerarse como imposible de perder, pois
transmite un sinal que informa da súa distancia ao trebello co que está
sincronizado, de xeito que podemos localizalo en calquera momento cunha
aplicación de balde que funciona coma se fose un radar, axudando a atopar o
Pogo Connect.
Aparte de usos artísticos, este stylus
tamén pode resultar práctico para tomar anotacións a man, aínda que para iso é
recomendable empregar algunha das aplicacións que permiten ignorar o contacto
das nosas más coa pantalla do iPad durante o uso do Pogo Connect, de xeito que
incluso poderiamos repousar a man comodamente sobre a pantalla ao escribir.
- O Pogo Connect permite converter o iPad nun lenzo