Nokia pagará 170 millóns de euros por Withings

martes, 26 de abril do 2016 Marcus Fernández

Cédric Hutchings (Withings) e Ramzi Haidamus (Nokia) na sinatura do acordo de adquisición de Withings por parte de Nokia

A finlandesa Nokia anunciou hoxe os seus plans de adquisición da compañía francesa Withings, empresa de referencia no sector dos trebellos de saúde conectados (no seu catálogo hai dende tensiómetros, termómetros e pulseiras de actividade, até básculas con Wi-Fi), deixando claro que Nokia está a buscar un novo camiño para labrarse un futuro tras o fracaso do seu negocio móbil (vendido a Microsoft e case desmantelado actualmente).
O director xeral de Withings, Cédric Hutchings, asegurou que “dende que comezamos Withings a nosa paixón foi facilitar que a xente leve conta do seu estilo de vida e mellore a súa saúde e benestar” e considera que a súa integración en Nokia pode contribuír a tal obxectivo. Na mesma liña o presidente de Nokia Technologies, Ramzi Haidamus, asegura que os produtos e profesionais de Withings poden achegar a que Nokia conquiste unha posición no mercado que permítalle “liderar a vindeira onda de innovación na saúde dixital”.
A operación de adquisición por parte de Nokia está previsto que se complete a primeiros do terceiro trimestre do ano por 170 millóns de euros en efectivo, estando pendente a compra ás autorizacións das entidades reguladoras pertinentes.

PUBLICIDADE