Nace comerciogalicia.es, unha plataforma a disposición dos comercios do país

mércores, 8 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Imaxinemos por un intre que o pequeno comercio de roupa ou ultramarinos que temos ao lado da casa e que leva toda a vida coa mesma faciana fai unha reforma, multiplica a súa superficie comercial por vinte, decora as instalacións con cores moi actuais e atractivas e mobles moi modernistas e funcionais, abre tódolos días sen descanso e envíanos os nosos pedidos á dirección que desexemos de xeito doado e cómodo; non sería suficiente para que captase a nosa atención e a confianza que algún día depositamos nas grandes superficies comerciais?
Pois coa chegada de Internet e do comercio electrónico, a igualdade de condicións entre empresas e comercios deixou practicamente de ser unha utopía, e agora os pequenos poden “comer aos grandes” se empregan tódalas ferramentas que teñen ao seu alcance.
Unha delas dérona a coñecer onte a Consellería de Economía e Industria e a Federación Galega de Comercio: a web comerciogalicia.es, unha plataforma que nace para dar acubillo ás empresas galegas que queiran vender os seus produtos ou servizos na Rede e abrir portas alén dos nosos lindes.
Esta web, que será xestionada pola Federación Galega de Comercio, conta cun deseño atractivo e funcional, e ofrece servizos de envío e de pagos unificados, así como vantaxes como a venda por lotes, permitindo mercar en distintas tendas cunha soa transacción económica.
Trátase dun gran escaparate virtual disposto para os comercios galegos que decidan promover e vender os seus produtos na Rede, que funciona as 24 horas do día, tódolos días do ano, coas mesmas vantaxes que o comercio tradicional e co valor engadido de que non importa se está na Gudiña, en Redondela ou en Coristanco, pois o cliente merca comodamente dende a súa casa e é alí onde recibe a súa compra se o desexa.
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou que a posta en marcha de Comerciogalicia.es permite aos comerciantes galegos “abrirse a novos mercados, conseguir clientes para os seus negocios e ofrecer novos e mellores servizos aos consumidores que xa confían neles día a día, combinando a súa actividade comercial tradicional coa venda a través de internet”.
Tamén afirmou que “con iniciativas coma esta conseguimos un sector comercial máis competitivo e dinámico” , e lembrou que a Consellaría que dirixe “traballa man a man co sector dotándoo das ferramentas e apoios necesarios”, coma a presente.
A web, que comeza agora o proceso de captación de establecementos, abrirá as súas portas ao público o vindeiro 1 de abril.
As persoas que desexen máis información teñen á súa disposición o teléfono 982 255 120 ou ben poden poñerse en contacto coa Federación galega de comercio vía correo electrónico a través do formulario que dispoñen a tal fin en Comerciogalicia.es.

PUBLICIDADE