MSI integra seguimento da mirada nun dos seus portátiles para xogadores

luns, 8 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Os ordenadores portátiles orientados aos videoxogos son auténticos portentos tecnolóxicos nos que logran conseguir introducir unha inmensa potencia nun espazo moi reducido e cun consumo sumamente axustado, pero tamén abre posibilidades á innovación, como na revisión dun dos grandes portátiles de MSI, o GT72 6QE Dominator Pro G, que non conforme con contar cunha pantalla IPS Full HD de 17,3 polgadas, un procesador Intel Core i7 de 6ª xeración, 32 GB de RAM, gráfica nVIDIA GeForce GTX 980M con 8 GB de memoria dedicada, 1 TB de disco duro, 256 GB de SSD e incluso gravadora de discos Blu-ray, conta agora tamén con tecnoloxía Tobii de seguimento da mirada.
Este novo equipo vén de saír á venda nos EE.UU. a un prezo de 2.599 dólares (2.327 euros), o que claramente non está ao alcance da meirande parte de xogadores, pero a introdución nun portátil da tecnoloxía de Tobii si supón un importante avance se comeza a empregarse en equipos informáticos para o lecer (habitualmente destinábase para funcións de accesibilidade) xa que permitirá que os xogos reaccione á nova mirada, de xeito que estes poderán reaccionar dirixindo o punto de vista a onde esteamos a mirar para explorar o escenario ou localizar obxectivos, o que xa é posible en xogos como Assassin’s Creed Syndicate e Tom Clancy’s The Division, e incluso podería empregarse para mellorar funcións do sistema operativo, de xeito que cando fagamos un desprazamento vertical con touchpad do equipo, o xesto aplicarase á fiestra á que esteamos a mirar, e a pantalla tamén podería reducir o seu brillo cando non a esteamos a mirar. Unha tecnoloxía que fará máis natural o uso da tecnoloxía, e que queda por ver se consegue converterse en todo un estándar.

Vídeo de demostración do novo portátil de MSI

PUBLICIDADE