Lugo impulsa un plan laboral de choque con formación en creación de páxinas web
xoves, 22 de abril do 2021
O
Concello
de Lugo vai destinar 152.000 euros nun ambicioso plan de emprego para
a cidadanía, un plan destinado a 1.120 lucenses sen traballo que
inclúe unha importante vertente de capacitación tecnolóxica: amais
de contidos sociosanitiarios e de competencias en linguaxe e
matemáticas, abrangue un lote de creación de webs e outro de
formación online con alcance para 1.000 persoas. A iniciativa
enmárcase na estratexia de recuperación económica do municipio,
dotada con máis de 20 millóns de euros.
A
alcaldesa Lara Méndez explicou que a escolla destes contidos
“obedeceu á necesidade de que os perfís laborais actuais se
axusten ás carreiras profesionais con maiores expectativas de
inserción, tendo en conta os novos condicionantes do mercado de
traballo”. Segundo a rexedora, “trátase dunha mostra máis do
noso compromiso polas políticas activas de emprego, nun momento
especialmente delicado pola situación de pandemia mundial, sen
precedentes, que nos tocou vivir”.
Baixo
estas premisas, a xunta de Goberno aprobou a apertura do procedemento
de contratación desta iniciativa que se enmarca dentro da Estratexia
Global de Dinamización, Reconstrución e Reactivación da Economía
Local do Concello de Lugo deseñada por Lara Méndez xa en marzo de
2020.
Respecto
do lote número 2, centrarase como dixemos na confección e
publicación de páxinas web, “xa que a COVID-19, puxo de manifesto
a necesidade de contar con persoal cualificado nesta materia e sería
un erro ignorar que o tecido empresarial tende á súa transformación
dixital, a través da incorporación das novas tecnoloxías para as
súas vendas, visibilidade e presencia nas redes”, sinalou a
alcaldesa, explicando que a competencia xeral deste módulo oriéntase
á creación de páxinas web integrando textos, imaxes e outros
elementos, utilizando a linguaxe de marcas e editores apropiados e
realizando os procedementos de instalación e verificación das
mesmas no servidor correspondente.
En
canto ao terceiro lote, que contará con dúas edicións para cada
unha das tres especialidades que recolle, persegue a obtención de
competencias clave tanto en matemáticas (identificar os elementos
matemáticos presentes na realidade e aplicar o razoamento matemático
na solución de problemas relacionados coa vida cotiá, utilizando os
números e as súas operacións básicas, as medidas, a xeometría, a
álxebra e a análise de datos) como en comunicación en lingua
galega e castelá (comprensión axeitada do contido fundamental de
textos escritos sinxelos e producións orais, participación en
interaccións orais respectando as normas de convivencia así como a
construción de textos sinxelos relacionados coa vida profesional e
cidadá, con coherencia e cohesión textuais, e corrección
gramatical).
O
bloque da formación en liña terá un alcance de 1.000 persoas ás
que se lles ofertarán cursos mediante unha plataforma telemática.
“Impartiranse un mínimo de 100 accións formativas pertencentes a
diferentes familias profesionais (actividades físicas e deportivas;
administración e xestión agraria; artes; comercio e mercadotecnia;
edificación e obra civil; electricidade e electrónica, enerxía,
informática; mantemento de vehículos, imaxe persoal, etc)
desenvolvéndose todas elas a través de aulas virtuais titorizadas
por docentes especializados”, referiu Lara Méndez que mencionou
que algúns cursos como o de manipulador de alimentos, ofimática,
community manager ou xestión de vendas serán de obrigada
oferta.