LG cesará a fabricación de televisores de plasma o vindeiro mes
martes, 28 de outubro do 2014- Televisor de plasma de LG (modelo 50PQ60D) presentado en 2008
No
verán comentamos que LG tiña
previsto cesar en breve a fabricación de televisores de plasma, e agora
dende Reuters confirman que ante a baixa demanda desta tecnoloxía de pantalla LG
cesará a súa fabricación a finais do mes que vén.
Actualmente as pantallas de plasma só supuñan a LG o 2,4% dos seus ingresos
anuais, e aseguran que a súa intención era continuar a súa produción deste tipo
de paneis tanto como fose posible, pero atopáronse con que na actualidade “xa
non é negocio”.
Lembremos que a tecnoloxía de plasma ten un consumo moi superior aos paneis LCD
(o que incluso é perceptible pola calor que disipan os seus televisores) e
ofrece unha resolución bastante inferior, de aí que leve anos caendo en vendas.
Panasonic xa abandonou o mercado do plasma, e agora que LG fai o mesmo, o único
fabricante importante que manterá unha liña de produción de televisores de
plasma será Samsung, aínda que non está nada claro que continúe moito tempo no
negocio, xa que a súa filial Samsung SDI tamén rematará a produción de plasma a
finais de novembro.