Internet chega aos autobuses da man de dúas empresas galegas

venres, 14 de marzo do 2008 Raquel Noya

Router desenvolvido por Arteixo Telecom e Level Telecom

O feito de acender un ordenador, premer nun navegador calquera e acceder a Internet é unha rutina que na actualidade se pode facer practicamente dende calquera recuncho do planeta grazas ás redes de conexión sen fíos que xa hai en moitos puntos da nosa xeografía.
Agora, grazas á aposta pola innovación de dúas empresas galegas, Arteixo Telecom e Level Telecom, fozar polas distintas webs ou consultar o correo electrónico mentres se viaxa en autobús xa é unha realidade ó alcance dos clientes dalgunhas das compañías de transporte interurbano por estrada máis importantes de España.
Grazas ó router wifi ReVisio, desenvolvido e fabricado polas devanditas empresas galegas, os pasaxeiros de tres importantes compañías de transporte que operan na nosa comunidade xa poden acceder á Rede por banda larga sen absolutamente ningunha liña de cable fixa a unha velocidade de ata 7,2 Mbits por segundo (tres veces máis veloz que a meirande parte das liñas ADSL).
As empresas de transporte interurbano que na actualidade ofrecen este servizo de conexión WiFi en Galicia son Alsa, que posibilita a conexión aos clientes dos autocares da súa Clase Supra e Arriva Noroeste, que comezou por ofrecer conexión sen fíos nos seus autobuses da liña que une A Coruña con Ferrol e que conta cunha media de 20.000 usuarios ó mes. En ámbolos dous casos é Vodafone o operador de telefonía móbil proveedor da conexión.
A estas dúas compañías súmase Monbús, que comezou a instalar o router de Arteixo Telecom e Level Telecom nalgún dos seus autobuses.

PUBLICIDADE