Insta360 estrea a súa cámara estabilizada con dobre obxectivo

mércores, 10 de xuño do 2026 Redacción

Tras meses de estar contar con prototipos en mans de influentes e analistas, Insta360 puxo hoxe á venda a Insta360 Luna Ultra, unha cámara gimbal de nova xeración que chega cunha clara intención: elevar o estándar da gravación móbil profesional. O dispositivo combina un sistema de estabilización mecánica de tres eixes con óptica Leica e un conxunto de procesamento baseado en Triple Chip IA, unha arquitectura que lle permite ofrecer vídeo en 8K, mellor rendemento en baixa luz e ferramentas avanzadas de creación pensadas tanto para profesionais como para creadores de contido en mobilidade.
Apostan por un deseño de dobre lente no que a principal integra un sensor de 1 polgada cunha lente Leica Summicron e apertura f/1.8, mentres que o teleobxectivo emprega un sensor de 1/1.3” e unha focal equivalente a 60 mm, orientada a retratos e capturas a distancia. A combinación permite traballar con zoom óptico e dixital de ata 12x e obter fotografías de ata 37 megapíxeles, así como panorámicas de 200 megapíxeles grazas ao procesado interno da cámara.
A nivel de vídeo, a Insta360 Luna Ultra grava en 8K a 30 fps e en 4K a 120 fps, mantendo unha ampla variedade de formatos e relacións de aspecto. A estabilización mecánica de tres eixes garante imaxes limpas mesmo en movementos bruscos, mentres que o modo PureVideo, dispoñible ata 4K a 60 fps, aproveita dous chips dedicados á captura e un terceiro chip IA de 4 nm para reducir ruído, mellorar o brillo e conservar detalle en escenas escuras.
A pantalla táctil OLED de 2 polgadas é desmontable, o que permite controlar a cámara a distancia mediante Wi-Fi e facilita a gravación en primeira persoa ou en configuracións máis creativas. A isto súmase a compatibilidade con accesorios como o rastreador POV de cabeza, o soporte de pescozo ou a mini luz de recheo, pensados para ampliar as posibilidades de uso en vlogging, deporte ou viaxes.
A cámara tamén incorpora ferramentas de edición e captura intelixentes, como Deep Track 5.0 para seguimento automático de suxeitos, efectos de beleza en retrato, modos de cámara lenta en 4K e funcións Live Frame para crear collages e clips dinámicos directamente desde o dispositivo. Para fluxos profesionais, ofrece gravación en I‑Log de 10 bits, compatibilidade con ACES e integración con DaVinci Resolve, así como soporte para Dolby Vision en 8K.
A súa batería de 1550 mAh promete ata catro horas de uso e admite carga rápida PD que acada o 80% en arredor de 23 minutos. A isto engádense 47 GB de almacenamento interno e soporte para tarxetas microSD de ata 1 TB, unha combinación que permite comezar a gravar sen accesorios adicionais e manter proxectos longos sen interrupcións.
A Insta360 Luna Ultra chega en dúas cores (Negro Cósmico e Branco Estelar) e está dispoñible desde hoxe na tenda oficial de Insta360 en paquetes que van dende unha versión estándar que custa 729 euros, ata unha versión que inclúe accesorios como un micrófono sen fíos e unha lente grande angular por 929 euros, sendo tamén bastante rechamante o paquete POV por 837 euros que inclúe un soporte para o pescozo e un rastrexador POV de cabeza que facilita que a cámara enfoque de xeito automático cara a onde estea a mirar o usuario, o que resulta moi práctico para achegar puntos de vista en primeira persoa mentres o usuario pode quedar coas mans libres.
Esta lanzamento prodúcese nun momento clave, xa que DJI está a ultimar o lanzamento da Osmo Pocket 4P, tamén con dobre obxectivo, e Insta360 consegue unha vantaxe competitiva ao chegar antes ao mercado, ao que hai que sumar o feito de que Insta360 non ten vetos nos EE.UU. (mentres que DJI ten limitacións de distribución), polo que o feito de que a cámara de Insta360 sexa un primeiro modelo podería verse compensado polas eivas que ten a súa competencia directa (que probablemente sexa a que sexa mellor recibida en Europa).

Vídeo promocional da Insta360 Luna Ultra