Innovación destina 1,7 millóns de euros a dinamizar as empresas galegas

mércores, 4 de xuño do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria vén de publicar, a través da súa Dirección Xeral de I+D, a convocatoria de subvencións para a mobilización, a dinamización e a sistematización da innovación, dotada cun orzamento de 1,7 millóns de euros.
Esta cantidade servirá, sobre todo, para subvencionar xornadas, seminarios e obradoiros destinados aos pequenos e medianos empresarios galegos e para levar a cabo accións en colectivos empresariais, de xeito que se contribúa á creación de dinámicas e de competencias que permitan o aproveitamento dos recursos nas firmas galegas.
Poden optar a esta convocatoria organismos de intermediación e representación empresariais e empresas consultoras especializadas en xestión da innovación.
Segundo vén de indicar a Consellaría responsable da convocatoria, os organismos de intermediación son aqueles que aglutinan colectivos sectoriais ou xeográficos de empresas e que, ademais dunha función de representación do colectivo, deben emprestar de forma habitual servizos de apoio ás empresas e presentar un interese preferente pola innovación. En canto ás consultoras, deben demostrar experiencia no fomento de accións de articulación do sistema de innovación e ofertar servizos de consultoría en innovación.
O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro día 2 de xullo deste ano e para facelo é necesario encher os formularios que se achegan nesta ligazón.

Xornadas, obradoiros e accións de dinamización
As actuacións que se financiarán son de dous tipos. Por unha banda, subvencionaranse xornadas, seminarios e obradoiros sobre a importancia da innovación e a súa aplicación sistemática e profesionalizada, e por outra accións de dinamización da innovación en colectivos empresarias. No caso de xornadas e seminarios, valorarase a capacidade de convocatoria e impacto, mentres que nos obradoiros se dará prioridade a aqueles dirixidos a grupos de empresas reducidos para desenvolver accións concretas.

PUBLICIDADE