Ikea sorprende cun cargador USB-C dobre moi económico

xoves, 21 de marzo do 2024 Marcus Fernández

De cando en vez Ikea sorprende con produtos de electrónica de consumo como as súas luces conectadas (que conseguen competir coas de Philips grazas a ter un prezo máis agresivo) ou os seus altofalantes sen fíos (que poden presumir dun deseño que se integra moi ben no fogar), pero desta volta o accesorio que está a chamar a atención é moito máis básico: o cargador USB-C SJÖSS.
Falamos dun cargador USB-C con 2 conectores que pode achegar até 45 watts de corrente nunha das súas tomas ou até 22 watts cando se empregan as súas tomas á vez, resultando ideal para aproveitar a carga rápida de smartphones e tabletas (é compatible con PD 3.0, QC4+ e PPS), aínda que coa potencia dabondo de poder cargar incluso moitos ordenadores portátiles. Temos así un produto bastante completo e práctico, que sorprende por ter un prezo de só 12,99 euros, cando outros cargadores de marcas como Anker, UGREEN ou Belkin están dispoñibles a prezos bastante superiores (19,99, 29,99 e 33,99 euros respectivamente).