O anel Rollme R2 ofrece monitorización de actividade física a un prezo moi axustado

mércores, 13 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Semella que 2024 vai ser o ano no que se os aneis con monitorización de actividade van converterse nun produto de consumo masivo, como no seu día fixeron os reloxos e as pulseiras, e como mostra diso temos agora o lanzamento do Rollme R2 Smart Ring, produto que chega cun prezo bastante agresivo (89,99 dólares), acabado en 3 cores distintas e 6 talles, e un deseño bastante discreto, que semella que vai ser a chave do éxito deste tipo de accesorios.
O Rollme R2 semella un anel ordinario por fóra, que na súa cara interior agocha unha serie de sensores que permiten facer o seguimento de múltiples actividades deportivas, pode monitorizar o ritmo cardíaco, serve como podómetro, pode empregarse como disparador remoto da cámara do móbil e ten unha batería cunha autonomía de até 10 días de uso regular, cargándose nun estoxo especial.
Os sensores do anel tamén facilitan a monitorización do osíxeno en sangue e a calidade do sono, converténdose nun accesorio moi práctico para controlar o noso benestar as 24 horas do día. Incluso ten resistencia IP68, polo que podería empregarse sen problema na ducha ou durante a práctica de deportes acuáticos.
Este accesorio só pesa uns 2,9 gramos e pode comunicarse con móbiles con Android ou iOS para así coñecer os datos que rexistra na súa propia aplicación móbil.
Tendo en conta que o Rollme R1 saíra ao mercado o ano pasado a 229 dólares, e que outros produtos semellantes teñen un prezo nesa liña ao que habería que sumar unha subscrición mensual, podemos prever que estamos ante un cambio de tendencia, para pasar dun produto para early adopters a un accesorio para un mercado masivo formado por usuarios que queren controlar a súa saúde pero non queren utilizar un reloxo por distintos motivos (como pode ser a súa incomodidade, a súa estética ou o feito de que estean a demandar constantemente a atención a través de notificacións).

PUBLICIDADE