Hitachi presentou unha pantalla de 2,9 polgadas que acada unha resolución de 800 x 480 píxeles

xoves, 28 de decembro do 2006 Marcus Fernández

Exemplo de imaxe na nova pantalla LCD IPS de Hitachi

Parece que as pantallas dos teléfonos móbiles e reprodutores multimedia portátiles van a dar un salto cualitativo no tocante á súa resolución se pantallas LCD como a que vén de presentar Hitachi comezan a popularizarse, xa que conseguen unha resolución de 800 x 480 píxeles (calidade equiparable á da televisión en definición estándar) en só 2,9 polgadas.
Esta nova pantalla non emprega tecnoloxía TFT, senón que conta cunha solución LCD propietaria de Hitachi que responde ó nome de IPS e que promete un ángulo de visión de 170 grao, un contraste de 400:1 e unha luminosidade de 250 cd/m2.
Con esta tecnoloxía sería posible ver moitas páxinas web no móbil sen ter que facer desprazamentos horizontais nas mesmas para poder ler unha liña de texto completa, se poderían ver a meirande parte das fotografías sen ter que reescalalas, así como tamén podería mellorar substancialmente a reprodución de contidos multimedia.