González Formoso visita a sede en Cambre da startup tecnolóxica Codee

mércores, 7 de febreiro do 2024 S. P.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este 7 de febreiro a sede en Cambre da nova firma innovadora (startup) Codee. Fíxoo na compaña do deputado de Avance Dixital, José Ramón Rioboo. O presidente asegurou que a institución provincial "presta sempre especial atención aos proxectos innovadores, e por iso desprega diferentes iniciativas para contribuír ao seu desenvolvemento".
Aludiu deste xeito ao convenio que a Deputación asinou no 2023 coas universidades da Coruña e de Santiago co fin de contribuír con 400.000 euros á ampliación de capital de Unirisco, unha sociedade de capital risco participada por ambas institucións académicas que financia proxectos emprendedores de base científica e tecnolóxica.
Durante o percorrido polas instalacións xunto ao director executivo (CEO) e co-fundador de Codee, Manuel Arenaz, Rosa Vázquez, co-fundadora, e Inmaculada Rodríguez, directora xeral de Unirisco, o presidente provincial destacou como prioridades para a Deputación contribuír "a transferencia de coñecemento das universidades ás empresas e a aposta polo talento, especialmente da xente moza", de modo que mostrou a súa satisfacción por que compañías coma Codee se beneficien dese tipo de financiamento.
"Estamos xunto aos proxectos emprendedores que fomentan o talento e contribúen a posicionar a Galicia como referente, tamén no eido tecnolóxico. Iniciativas como Codee que xorden dunha boa idea no seo da universidade e despregan despois todo o seu potencial no ámbito da empresa", afirmou Formoso, que destacou que a compañía conte xa con 18 empregados de alta cualificación.
Arenaz explicou que Codee "é a primeira solución a nivel mundial para axudar a crear aplicacións máis rápidas e eficientes, e que permitan un maior aforro enerxético". A actividade da empresa está dirixida a dous tipos de clientes. Por unha banda, os grandes centros de supercomputación, para os que realizan simulacións de problemas do mundo real, como a predición meteorolóxica ou de catástrofes naturais.
O outro sector ao que presta máis atención a startup é a axuda a compañías que desenvolven software para os denominados "sistemas empotrados". En palabras de Arenaz, “trátase do software que opera no metro, nos trens, nos avións, sistemas de condución automática... Necesita procesar datos en milisegundos para tomar a decisión correcta, e aí contribuímos a desenvolver aplicacións máis rápidas e eficientes”.
Codee, que xa traballa para empresas e institucións públicas de Estados Unidos, Europa, Arabia, Xapón ou Australia, conta con financiamento de Unirisco, entre outros inversores. Unirisco contribúe a fomentar dentro do territorio provincial proxectos innovadores con base tecnolóxica, principalmente en sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a farmacoloxía, a tecnoloxía da saúde, as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), o sector agroalimentario, a Industria 4.0, a economía circular ou as novas formas de enerxía e sustentabilidade.
Codee conseguiu con este apoio impulsar o seu crecemento, acelerar o seu desenvolvemento tecnolóxico e incorporar persoal. Cos investimentos procedentes desta canle de financiamento espérase reforzar o posicionamento da compañía no seu sector.

PUBLICIDADE