Galiciadixital leva os seus contidos interactivos a Oleiros

luns, 18 de outubro do 2010 Raquel Noya

A exposición itinerante e interactiva Galiciadixital, vén de botar áncoras en Oleiros, onde poderá visitarse no Centro Laboral Lamastelle ata o vindeiro sábado 23 de outubro. O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, desprazouse ata o lugar para a súa inauguración, e unha vez alí expresou a súa satisfacción por levar a esta localidade a exposición máis orixinal da Secretaría Xeral que representa.
Durante o acto de inauguración o secretario lembrou que todos os contidos que se exhiben na mostra están feitos por empresas e universidades galegas e anunciou que, “do mesmo xeito que se incluiu na programación de saídas deste ano a visita a centros de persoas maiores e complexos hospitalarios, neste curso escolar a mostra visitará tamén varios centros de persoas con discapacidades como o de Oleiros”. Así, antes de acabar o ano está previsto que Galiciadixital visite Aspanas, en Ourense, e Prodeme en Monforte de Lemos.
Pola súa banda, o director de Comunicación da CRTVG, Fernando Ojea, que acompañou a Cabaleiro no seu periplo á Coruña, manifestou o orgullo da entidade por celebrar os seus primeiros 25 anos e amosouse “enormemente satisfeito de facelo no escaparate privilexiado da exposición Galiciadixital da Secretaría Xeral de Medios”.
Durante a súa intervención, o presidente de Aspronaga, Álvaro Martínez, agradeceu á Secretaría Xeral de Medios que incluise á asociación na programación de saídas da mostra que poderá visitarse gratuitamente no Centro Laboral Lamastelle de Oleiros de luns a venres en horario de 9:00 a 13:30 e de 15:00 a 18:30 horas, e o sábado de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.
Galiciadixital inclúe os seus contidos habituais como o xogo Aerodeslizadores por Compostela, as proxeccións de As cidades do camiño, a película en catro dimensións Meta do Camiño e o canciño Axóuxere.

Aniversario de CRTVG
Por outra banda a mostra acollerá, durante a súa estadía en Oleiros, unha serie de contidos encamiñados a celebrar os 25 anos de vida da CRTVG, como un vídeo conmemorativo que recolle diferentes momentos que marcaron o pasado e o presente da compañía, unha zona expositiva de obxectos relacionados coa radio e a televisión e unha serie de paneis ilustrativos da historia do ente autonómico.
Tamén, grazas ao plató Chroma Key, os que o desexen poderán converterse en presentadores de informativos, situándose nun espazo desde o que se verán reflectidos nunha pantalla TFT de gran formato.
A través da exposición Galiciadixital, a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar a galegos e galegas de todas as idades os contidos audiovisuais e multimedia realizados por empresas e universidades da comunidade, valéndose para iso dunha experiencia interactiva diferente á dos museos convencionais, na que os visitantes non son simples espectadores, senón que participan en todo o percorrido.

PUBLICIDADE