GaliciaTIC 2018 amosou o presente e o futuro das tecnoloxías feitas aquí
xoves, 24 de maio do 2018
Hoxe
na Cidade da Cultura o histórico evento galego GaliciaTIC
(vai xa pola súa edición número 16) volveu demostrar que ten corda
para moito tempo. Por unha banda, tocáronse temas de gran
actualidade e interese (ciberseguridade, Industria 4.0,
dixitalización, información a gran escala) e, pola outra,
participaron relatoras e relatores de primeiro nivel. A cita, que se
desenvolveu baixo o lema Tecnoloxías, capacidades e
infraestruturas para a transformación dixital,
incluíu debates, obradoiros e mesas redondas. Tamén houbo
demostracións de produtos galegos innovadores e mesmo
revolucionarios. Por exemplo o sistema de Xesol para anticipar na
estrada as traxectorias dos peóns.
Unha
das cuestións que ocupou gran parte dos debates foi a mesma cuestión
que vemos reflectida cada día nos nosos correos electrónicos e nos
boletíns informativos que recibimos: a inminente entrada en vigor do
novo regulamento de protección de datos e como esta entrada en vigor
pode afectar as empresas TIC. Esta cuestión foi o eixe temático
dunha das mesas redondas da tarde, na que participaron José
Nogueira, de Sistemius; Enrique Pedroso, de Landín Informática e
Micael Gesto, de Deloitte, abordando os requisitos que deben cumprir
as empresas para adaptarse ao novo marco legal que entra mañá en
vigor e que prevé “importantes sancións”. Segundo lembraron, as
empresas que non cumpran coa nova normativa poden enfrontarse a
sancións de até o 4% da súa facturación bruta.
O
foro, organizado pola asociación Ineo e Inetec, serviu tamén para
mostrar unha radiografía do estado de saúde e das potencialidades
sector TIC galego. No acto inaugural, o presidente desta asociación
empresarial, Carlos Abal, sinalou que “a saúde do sector TIC
galego é boa, pero pódese mellorar”. A continuación, salientou
unha serie de números sobre o ámbito TIC na nosa Comunidade: un
ámbito que xera 12.000 empregos e contribúe ao PIB nun 2,5%.
Ademais, dixo, “Galicia é a quinta autonomía con maior número de
empresas TIC e o 23% delas están internacionalizadas”.
No
acto de inauguración tamén participou Mar Pereira, directora da
axencia AMTEGA, quen fixo un percorrido polo proceso actual de
transformación dixital da nosa terra. Segundo fixo saber, este
proceso de evolución tecnolóxica nos segmentos empresariais de
menor tamaño é “un camiño de longo percorrido”, que precisa
dun liderado dentro da propia empresa e tamén de exemplos tanxíbeis
que animen ás PEME a avanzar neste vieiro. Ao fío disto, Pereira
salientou os plans da Axenda Dixital galega para modernizar ámbitos
clave como o Smart Turismo,
orientado a impulsar Galicia como destino turístico intelixente; a
Memoria Dixital para mellorar a accesibilidade e a conservación do
patrimonio cultural galego; o Primare para promover a modernización
dos sectores agrario e da pesca; o Dico Mindset para favorecer
innovación e a competitividade non ámbito dos contidos dixitais ou
o Plan de Modernización do Transporte por estrada.
A
transformación dixital tamén foi o fío temático da primeira das
mesas redondas de GaliciaTIC 2018. Nela, participaron catro
directivos de empresas referenciais do sector galego: R, Televés,
Edisa e Improving Metrics. Os relatores coincidiron en destacar que o
tratamento do Big Data permitirá xerar novos modelos de
negocio. Tamén fixeron fincapé nas potencialidades do pago por uso
(aboaremos os custes do servizo en función do emprego que lle deamos
ao servizo), na necesidade de facermos cambios na organización das
empresas para afrontar a dixitalización e na conveniencia de xuntar
forzas, todos os membros dunha compañía, para encarar ese proceso.
Sen
dúbida un dos relatorios que máis expectación xerou foi o de
Andrés L. Martínez, responsábel de desenvolvemento de programas en
Google. Durante a súa intervención, salientou que “nos últimos
40 anos vivimos o período de máxima innovación no mundo do
software debido, en parte, aos ecosistemas abertos”. Na súa
opinión, “a través de plataformas como Android, Tensor Flow ou
Kubernetes tanto as grandes empresas como as startups e as
PEME son quen de desenvolver proxectos, produtos e servizos que
impactan a millóns de persoas en todo o mundo, contribuíndo,
directa ou indirectamente, á creación de emprego e ao
desenvolvemento económico e social”. Logo de debullar as
experiencias desenvolvidas por Google no ámbito dos ecosistemas
abertos, abordou en particular o caso Android, un sistema operativo
que “xerou, en Europa, 1,2 millóns de postos de traballo e que
contribuíu ao PIB de máis de 200 países cun montante global de 3
billóns de dólares”, explicou, engadindo, no caso da nosa terra,
que Galicia “conta con interesantes exemplos de compañías que
forman parte do ecosistema de desenvolvedores”, como por exemplo a
firma Igalia, a asociación AGASOL e as súas empresas integrantes,
ou Vigo Tech.
Ademais
dos relatorios e mesas redondas promovidas ao abeiro do foro, houbo
unha ampla marxe para exhibir interesantes novidades desenvolvidas
por empresas galegas do ámbito TIC. Así, puido verse no Gaiás un
innovador sistema de percepción dinámica da contorna que detecta e
monitora a traxectoria dos peóns. Os asistentes ao evento puideron
comprobar por eles mesmos nun coche como funciona este novo sistema
que optimiza a seguridade viaria e do peón. Neste mesmo apartado,
ademais, mostrouse un potente sistema de visión artificial capaz de
detectar fatiga, distracción ou somnolencia ao volante. Ambas as
solucións foron desenvolvidas pola empresa Xesol Innovation.