Galicia desenvolverá 17 proxectos da 5G

martes, 10 de setembro do 2019 Redacción

Hoxe presentouse en Vigo o proxecto Piloto 5G en Galicia, impulsado polo Ministerio de Economía e Empresa a través de Red.es. Trátase dun dos dous proxectos piloto de tecnoloxía 5G que o Goberno promoveu para o desenvolvemento desta tecnoloxía no noso país mediante unha convocatoria pública de axudas que conta co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a cargo do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE).
O piloto que se desenvolverá en Galicia terá unha duración de 24 meses e un orzamento de máis de 11 millóns de euros, para o que se solicitou unha axuda de máis de 4 millóns que será cofinanciada por Red.es con cargo ao FEDER.
O acto de presentación do proxecto tivo lugar en Vigo, no Museo de Arte Contemporánea, e foi presidido pola ministra de Economía e Empresa (en funcións), Nadia Calviño. Na presentación tamén participaron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o secretario de Estado para o Avance Dixital (en funcións), Francisco Polo, e a conselleira delegada de Telefónica España, María Jesús Almazor, entre outras autoridades.
Ademais da apertura institucional, o acto contou coa celebración dunha mesa redonda moderada polo director xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, Roberto Sánchez, acompañado polo director xeral de Red.es, David Cierco Jiménez de Parga; o director de Operacións, Rede e TI de Telefónica España, Joaquín Mata, e a xerente de Innovación de Telefónica España, Mercedes Fernández.
O piloto da 5G en Galicia, que xa se atopa na primeira fase de desenvolvemento, inclúe oito casos de uso que se van a desenvolver nesta comunidade autónoma a cargo da Unión Temporal de Empresas composta por Telefónica, Ericsson, Nokia, Cinfo, Idronia, Telnet Redes Intelixentes e Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada Fernández-Vigo.

O proxectos piloto

En concreto, os casos que se implantarán en Galicia son:
– Asistencia á condución no túnel de O Cereixal (Lugo) para probar novos servizos que mellorarán a seguridade dos vehículos polo túnel (aviso de condicións meteorolóxicas á saída ou anomalías no interior, entre outros)
– Servizo de Movistar Fusión sobre acceso fixo radio 5G (en Vigo) como solución alternativa á fibra en contornas urbanas e rurais.
– Supervisión da infraestrutura ferroviaria con Adif e Ineco (en Ourense) utilizando drons con cámaras que recollen imaxes das vías para facilitar a súa inspección e mantemento.
– Industria 4.0, enmarcada no plan de dixitalización de Navantia Estaleiro 4.0, para asistencia técnica remota ás máquinas en produción con realidade aumentada e modelos 3D; visualización de pezas no escenario real para identificar posibles incidencias e streaming 3D en tempo real para validar con exactitude os bloques construídos do barco.
– Produción de eventos deportivos co Deportivo da Coruña e a solución TV5G no estadio de Riazor e na cidade deportiva de Abegondo (A Coruña) para dar cobertura á retransmisión profesional e ao usuario vía 5G.
– Exploración e diagnóstico oftalmolóxico remoto en tempo real mediante a captura de imaxes en alta resolución en colaboración co centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada do Dr. Fernández-Vigo en Vigo.

En todos eles vaise a despregar rede 5G e a experimentar e innovar sobre as capacidades desta tecnoloxía, en concreto o seu gran ancho de banda e baixa latencia; a arquitectura de rede NSA (non standalone) e SA (standalone); network slicing ( segmentado de rede); edge computing (computación no bordo da rede) e tecnoloxía de antenas activas. Grazas a estes casos de uso os cidadáns galegos poderán experimentar na súa vida diaria as grandes posibilidades que ofrece esta tecnoloxía.
Ademais da UTE, participan como axentes colaboradores do proxecto, Huawei, INECO, Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación, Grupo PSA, a Universidade de Vigo, Gradiant e CTAG. Así mesmo cóntase como clientes dos casos de uso co ministerio de Fomento, Navantia, ADIF, RC Deportivo da Coruña, Movistar e Clínica Cadarso, xunto co apoio institucional da Xunta de Galicia, as deputacións provinciais da Coruña, Lugo e Ourense e, na provincia de Pontevedra, o Concello de Vigo.
Co desenvolvemento destes dous proxectos piloto, o de Galicia e o que se vai a desenvolver en Andalucía, o Goberno busca promover unha demanda temperá que facilite experimentar coas diferentes potencialidades da 5G e promova o desenvolvemento de ecosistemas entre operadores, provedores de tecnoloxía e solucións e resto de axentes implicados.

Compromiso da Xunta co ecosistema 5G galego

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que Galicia desenvolverá 17 proxectos piloto que permitirán dispoñer dos servizos avanzados da 5G en eidos como a sanidade, a loita contra incendios, a industria, o vehículo conectado, o turismo ou a educación.
Durante o acto esta mañá de presentación do Piloto 5G, déronse a coñecer os 8 novos proxectos que terán efectos en ámbitos tan relevantes como a asistencia técnica remota ás máquinas do sector naval ou a exploración e diagnóstico oftalmolóxico, e que se suman ás outras 9 iniciativas nas que xa están a traballar os principais operadores adheridos ao Nodo 5G do plan da Xunta.
«En total desenvolveranse 17 proxectos en Galicia de uso en ámbitos de especial interese para a nosa comunidade», abundou, incidindo en que, despois de que en xuño, Vigo e A Coruña foran das primeiras cidades en contar con redes 5G de España, Galicia é hoxe, xunto con Andalucía, unha das dúas comunidades que acollerán o desenvolvemento dos primeiros pilotos 5G subvencionados por Red.es.
«Todas estas decisións que implican a operadores e administracións públicas non son fortuítas, senón que responden ao interese de Galicia e as súas administracións por esta nova tecnoloxía e ao traballo desenvolvido para situarnos como territorio preferente para acollela», afirmou, facendo fincapé en que non é casual que a comunidade fose a única que presentou a esta convocatoria candidaturas dos tres principais operadores, sendo o de Telefónica o finalmente seleccionado.
Conscientes de que tecnoloxías emerxentes como a 5G permitirán desenvolver novos modelos de negocio e consolidar a especialización tecnolóxica da Comunidade, Feijóo incidiu en que Galicia aspira a ser unha das primeiras rexións europeas en dispor dos servicios avanzados da 5G, que permitirán mellorar aspectos como a calidade dos servizos públicos, incrementar a competitividade das empresas e favorecer o desenvolvemento de cidades intelixentes e vehículos conectados.
Con este obxectivo, subliñou que Galicia foi a primeira comunidade que aprobou un plan para facilitar a extensión desta tecnoloxía: o Plan Galicia 5G. Unha folla de ruta que traballa xa para facilitar aos municipios un modelo de ordenanza tipo que axilice os despregues e, posteriormente, elaborar un catálogo de solucións técnicas para a extensión da 5G en núcleos históricos e contornas protexidas.
Así mesmo, e para consolidar o ecosistema 5G galego, Feijóo confirmou que esta mesma semana empeza o primeiro curso de especialista en tecnoloxías de quinta xeración, con 200 horas lectivas e a participación de expertos do mundo empresarial.
Feijóo concluíu lembrando que a aposta da Administración autonómica polas infraestruturas capaces de mellorar a nosa conectividade, fai posible que Galicia sexa a terceira comunidade con mellor cobertura 4G; e que o 98% da poboación teña acceso a internet a través de redes fixas e sen fíos.

PUBLICIDADE