GAIN e AMTEGA buscan propostas innovadoras para seguir mellorando os nosos servizos públicos

martes, 14 de marzo do 2023 S. P.

Patricia Argerey, directora da axencia GAIN

O Goberno galego, a través das axencias GAIN e AMTEGA e da súa aposta por seguir mellorando os servizos públicos mediante a fórmula da Compra Pública de Innovación (CPI), desenvolverá nas vindeiras semanas o proceso para preseleccionar as iniciativas do ámbito autonómico que desexen presentarse á convocatoria da liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) do Ministerio de Ciencia e Innovación ou subscribir un convenio co Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) en relación á compra pública precomercial.
A comisión de valoración dos proxectos estará integrada por representantes da Axencia Galega de Innovación, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galician (AMTEGA) e a Asesoría Xurídica Xeral. As propostas seleccionadas serán aprobadas polo Consello da Xunta a mediados deste ano e contarán co compromiso de co-financiamento por parte da Consellería de Facenda e Administración Pública.
“Galicia é líder en compra pública innovadora, un instrumento de fomento da I+D+i desde a demanda orientado a potenciar o desenvolvemento de solucións innovadoras a través da contratación pública”, explican dende as dúas ditas axencias, engadindo que “a compra pública innovadora permite ofrecer mellores servizos á cidadanía e fomenta que haxa máis empresas innovadoras na Comunidade, impulsando o seu desenvolvemento e internacionalización”.
No período 2007-2013 Galicia concentrou o 40% do investimento total en proxectos de CPI en España, con 122 millóns de euros. Entre 2014 e 2020 dende a nosa terra executáronse preto de 130 millóns de euros neste eido. Na actualidade estanse a executar proxectos de CPI por un importe de máis de 75 millóns de euros, a maior parte vinculados ao Polo Aeroespacial de Galicia.

PUBLICIDADE