Fernando García, novo director de Industria de Microsoft Ibérica

venres, 14 de novembro do 2008 Raquel Noya

Fernando García, o ata o de agora director de Vendas de Solucións de Plataforma de Aplicacións de Microsoft, vén de ser nomeado novo director de Industria de Microsoft Ibérica, asumindo as funcións de coordinación da actividade que a compañía desenvolve de xeito activo co sector industrial do noso país.
O directivo únese así ao equipo de profesionais da filial que forman a Divisón de Grandes Organizacións e Partners de Microsoft Ibérica, liderada por Alberto Granados.
Os responsables deste ascenso aseguran que o seu amplo coñecemento da compañía e a súa dilatada experiencia TIC de máis de 25 anos, “convérteno no profesional ideal para desempeñar este cargo”.
García afronta esta nova posición logo de ter desempeñado diversos postos dentro de Microsoft Ibérica ao longo de case unha década.. Nos últimos tres anos, desenvolveu as funcións de director de Vendas de Solucións de Plataforma de Aplicacións da filial, exercendo perante a propia compañía unha “excelente labor” e responsabilizándose das vendas multisectorial de solucións do redor de sistemas de misión crítica, plataformas de soporte á decisión e ferramentas de desenvolvemento. Previamente o directivo ocupaba o cargo de especialista de Solucións da Plataforma de Aplicacións, onde puido participar activamente en proxectos emblemáticos de envergadura mundial.
Anteriormente, este madrileño formou parte de varias compañías de diversos sectores empresariais como o Banco Árabe Español, onde levaba o control de riscos e a contabilidade analítica, e incluso emprendeu a súa andaina en solitario formando a súa propia compañía, Vitual Desk, S.L., dedicada ao desenvolvemento e comercialización de solucións de software.
Fernando García cursou estudos Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid e completou a súa formación con cursos de especialización relacionados coa Informática e as Novas Tecnoloxías.

PUBLICIDADE