Femxa anuncia a contratación de 60 mozas e mozos en Vigo

luns, 4 de maio do 2015 Redacción

A empresa galega Femxa, centrada en formación e tecnoloxías para facilitar esa formación, anunciou os días pasados que antes do remate, contratará 60 novos traballadores. E engade: “Serán persoas desempregadas menores de 26 anos e seleccionaranse de entre os que rematen con éxito dous cursos de balde para os alumnos”. Estes cursos son Desenvolvemento de Produtos Editoriais Multimedia (que comezará en breve en Vigo e do que abrollará a contratación de 45 alumnos) e Actividades Administrativas na Relación co Cliente (que xa foi inaugurado e do que sairán 15 dos novos traballadores). As mozas e mozos seleccionadas/os traballarán na sede de Femxa en Vigo a xornada completa, engadiron fontes da empresa.
A compañía tamén lembra que arestora pasaron polas súas actividades de formación 415.000 persoas (ao longo dos seus tres lustros de traxectoria) e que o seu obxectivo principal, un obxectivo no que se insiren as devanditas contratacións, “é mellorar a empregabilidade dos seus alumnos”. Desta arela xurdiu, precisamente, a súa actividade como axencia de colocación, que segundo apuntan os responsábeis da empresa ten unha taxa de éxito do 20%.
Doutra banda, Femxa tamén informa que a dia de hoxe ten entre mans a posta en marcha dun sistema para mellorar a saúde no traballo. Trátase dunha plataforma en liña creada pola empresa Vidahora e que se centra en axudar a crear hábitos saudábeis de actividade física, alimentación, lecer e xestión da tensión. Desde ela e a súa aplicación móbil, propóñense actividades semanais coas que cada persoa pode mellorar o seu estado físico e ver os seus progresos. Os programas de saúde están artellados en módulos trimestrais “para que os traballadores teñan tempo de adquirir novos hábitos”, informa Femxa, que tamén lembra que a plataforma Vidahora é un novo proxecto empresarial galego nado na incubadora de empresas de Zona Franca, Vía Vigo.

PUBLICIDADE