Familiasgalegas.org estrea un servizo en liña de orientación familiar

martes, 17 de xullo do 2012 Raquel Noya

A Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, vén de por en marcha un novo servizo virtual de información e asesoramento ás familias galegas, que se aloxa na web Familiasgalegas.org e que recolle todo o que concirne á orientación e á conciliación da vida familiar dos galegos e galegas.
Falamos do Gabinete de Orientación Familiar (GOF) virtual, un servizo destinado ao apoio e á promoción da calidade de vida das persoas e das familias, ao que se accede dende o menú principal da devandita plataforma.
O servizo en liña procura proporcionar, sempre de balde, información e asesoramento sobre diversas cuestións, como servizos, recursos sociais, programas específicos, disposicións legais, etc. da man de profesionais especializados no eido da familia e da infancia.
O servizo tamén se centra na atención e prevención de posibles situación problemáticas que se poidan dar no ámbito da convivencia cotiá, mais iso si, sen achegar directrices sobre pautas de comportamento ou habilidades concretas, senón información e asesoramento sobre as “portas” nas que pode petar cando xurde calquera problema na contorna familiar.
Ademais de explicar o que é a orientación e o apoio familiar, os niveis de actuación e o seu obxectivo, na plataforma inclúense distintas ligazóns de interese para os usuarios do servizo, entre as que destacan a do Portal de Escolas Infantís, a da web Crecendo como pais e a web da propia Consellería de Traballo e Benestar, entre outras.
Os e as profesionais encargadas de atender ás persoas usuarias da web proveñen do GOF de Lugo, os cales tratarán de dar resposta, dun xeito claro e preciso, sobre a normativa, os recursos, os programas ou calquera outra información relativa a este ámbito de actuación, que poida ser relevante para a persoa demandante de información, “proporcionándolle unha visión xeral das opcións dispoñibles”, indican os seus responsables.
Este servizo virtual é anónimo; as persoas usuarias unicamente precisan seleccionar o sexo e a idade segundo tramos, e indicar o enderezo de correo electrónico onde desexan recibir a contestación, o que permitirá, segundo informan dende a entidade desenvolvedora, “extraer estatísticas e conclusións sobre as necesidades e demandas das familias galegas e das persoas que as compoñen, segundo as variables descritas”, e en base a isto, proceder ao desenvolvemento de novos servizos de axuda aos galegos e galegas.

PUBLICIDADE