Facebook adquire GIPHY por 400 millóns de dólares

venres, 15 de maio do 2020 Marcus Fernández

A plataforma en liña de referencia para a creación e publicación de imaxes animadas, GIPHY, vén de ser adquirida por Facebook, concretamente polo equipo de Instagram, respondendo en boa medida ao feito de que o 50% do tráfico de GIPHY proviña da familia de aplicacións de Facebook, e dese tráfico a metade correspondía precisamente a Instagram. Aseguran que a operación pechouse en 400 millóns de dólares.
A sintonía entre Instagram e GIPHY era bastante boa, como quedaba claro na integración de imaxes GIF como adhesivos nas historias de Instagram e a posibilidade de intercambiar imaxes en formato GIF nas mensaxes privadas (como tamén facían en Facebook, no Messenger e en WhatsApp).
Polo momento aseguran que GIPHY manterá o seu sistema de funcionamento, ou sexa, que continuará a estar aberto a creadores e desenvolvedores de todo o mundo, pero a incorporación de GIPHY a Instagram pode axudar á mellora desta aplicación móbil que non deixa de renovarse para manter o interese dos usuarios.

PUBLICIDADE