Facebook, Instagram e Threads indicarán cando os contidos foron creados mediante IA

martes, 6 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Nun momento no que proliferan as imaxes xeradas mediante intelixencia artificial que poden levar a engano, dende Meta anuncian que nos vindeiros meses etiquetarán en Facebook, Instagram e Threads as imaxes fotorrealistas que poidan levar a confusión destacando que foron creadas ou manipuladas mediante IA.
Para facer isto posible a compañía de Mark Zuckerberg xa etiqueta dende o comezo as imaxes realistas creadas con Meta AI, pero tamén está a colaborar con compañías como Google, OpenAI, Microsoft, Adobe, Midjourney e Shutterstock para a introdución de marcas e metadatos nas imaxes creadas mediante IA, facilitando así a súa identificación.
Coas imaxes isto está a resultar relativamente doado, pero con vídeo e audio (nos que a IA está cada vez máis presente) aínda non hai ferramentas que permitan detectar, polo que Meta esixirá aos usuarios indicar que un contido que comparte é sintético, para así evitar levar ao público a enganos, e que poidan distinguir unha broma ou un recurso artístico da realidade.
Dende Meta tamén salientan o feito de que a IA non só é unha tecnoloxía da que hai que protexerse, senón que tamén xoga un rol protector. Confían en que co tempo a IA poida ser de grande axuda para detectar discursos de odio e outras violacións das normas da plataforma, para permitir que sexa un espazo máis seguro.

PUBLICIDADE