España sitúase a rentes dos 2 millóns de liñas de fibra óptica

venres, 29 de maio do 2015 Redacción

Medra a banda larga fixa en España, con liña ascendente e cunha curva de feitura alpina. Así o confirma o novo informe da CNMC, no que se apunta que as liñas FTTH (fibra até o fogar) rexistraron en febreiro (por sexto mes consecutivo) un medre superior ás 100.000 liñas. Máis polo miúdo, en febreiro a cifra foi de 127.735, superando os 1,8 millóns. A nivel anual, respecto de febreiro de 2014, os autores do informe salientan “o aumento de máis dun millón de liñas FTTH, fronte á perda de máis de medio millón de liñas con tecnoloxía DSL”. Este tipo de liñas (ADSL) confirma na nova investigación unha liña claramente descendente (perdeu 100.000 liñas) que contrasta drasticamente coa suba imparábel da fibra óptica.
A CNMC tamén sinala que as liñas de banda ancha en España medraron en febreiro un 6% respecto ao ano anterior, acadando os 12,8 millóns. Orange, con 19.037 liñas máis que en xaneiro de 2015, liderou no devandito mes a ganancia de liñas de banda ancha fixa, seguido de Telefónica, Ono e Jazztel con 13.331, 9.200 e 6.139 liñas, respectivamente. Como dato salientábel, sinalar que Telefónica cede un algo de terreo con respecto aos seus competidores, malia seguir sendo líder cunha cota de mercado do 45,2%, seguida de Orange cun 15,6%.
Polo que atinxe á telefonía móbil, o total de liñas caeu en febreiro en 119.135 liñas, “debido á baixada de 217.991 liñas de prepago que non compensou o aumento de case 100.000 liñas de pospago”, sinala a Comisión, que engade que febreiro pechou cunha cifra de 50.472.517 liñas móbiles, o que supón un 0,8% máis que en febreiro de 2014.
A penetración foi de 108,5 liñas por cada 100 habitantes, case un punto porcentual máis que hai un ano.
No mes de febreiro portáronse 500.000 números móbiles, o que supón un descenso da 13,4% fronte ao volume rexistrado en febreiro de 2014. Movistar e Vodafone foron os operadores que este mes rexistraron un saldo negativo de portabilidade, con 44.028 e 40.404 liñas respectivamente. En contraposición, os OMV presentaron un saldo positivo de 78.967 e Orange e Yoigo conseguiron importar ao redor de 3.000 liñas máis das que cederon a outros operadores.

PUBLICIDADE