España escala un posto no ranking de competitividade tecnolóxica, malia o seu baixo I+D

xoves, 18 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

España sitúase no ranking mundial de competitividade tecnolóxica de 2008 nun sitio semellante ao que ocupa arestora a nivel económico, se cadra un pouco máis baixo do que lle correspondería: o posto 23. Esta clasificación, que dalgún xeito dá conta dos países cos que máis se pode contar á hora de pedirlles Investigación e Desenvolvemento (I+D) e avances en materia dixital, vén por segundo ano consecutivo da man de The Economist Intelligence Unit (EIU) a instancias de Business Software Alliance (BSA), a organización que vela polos intereses da industria da programación.
Nesta segunda edición do informe, a que corresponde como dixemos a este ano 2008, vense de percibir unha lixeira mellora do papel de España a nivel mundial, incluída unha subida de posto en toda regra (o ano pasado o país estaba no posto 24) e un incremento de dous décimas (46,3 sobre un máximo de 100) con respecto a 2007 no conxunto das variables que determinan o nivel de competitividade no eido tecnolóxico.
A investigación, feita sobre unha base de 66 países, subministra unha serie de datos de interese sobre quen se move máis ás súas anchas nas actividades vinculadas ás tecnoloxías da información e ó desenvolvemento de software. Así, temos a Estados Unidos ocupando unha vez máis o primeiro posto, caéndose Xapón dende a segunda á 12ª posición (a gran novidade do informe) e incorporándose aos cinco primeiros do ranking países que viñan pegando forte en anos anteriores: Taiwan, Suecia e Dinamarca. O estudo, sinalan os seus responsables, é beneficioso abondo para España, país que a xuízo do comité español de BSA mantén unha boa posición no que se refire ó contorno global de negocio (81 puntos sobre 100), capital humano (61,2 sobre 100) e marco legal axeitado (74,6 sobre 100). Pola contra, onde falla é en infraestrutura tecnolóxica (31,2 sobre 100) e sobre todo en contorno favorable ao I+D (3,9 sobre 100).

PUBLICIDADE