Elpais.com renova a súa web e abre os seus contidos da edición impresa

martes, 23 de outubro do 2007 Raquel Noya

Logo de renovar a súa edición impresa para ofrecer unha imaxe moito máis “moderna e actual”, o xornal español El País vai mudar tamén a súa versión dixital, facendo máis accesibles os seus contidos da hemeroteca e da edición impresa á que se poderá acceder de balde (agás ós PDF). Con este cambio, que se producirá a partires do vindeiro 15 de novembro, os lectores poderán consultar os arquivos históricos da hemeroteca da web así como máis dun millón de pezas editoriais elaboradas ó longo dos 31 anos de historia de El País, converténdose así, segundo os seus responsables, “nun dos principais arquivos informativos do mundo e no medio dixital de ámbito da lingua española con máis cantidade de contidos en aberto”.
ElPais.com seguirá contando cun servizo de pago para os subscritores que queiran acceder ó diario en versión PDF, e para eles vén de deseñar un novo visor que facilita tanto a descarga dos arquivos como a súa consulta.
Asemade, os internautas van atopar nos vindeiros días outros moitos cambios na edición dixital do xornal, como a posta en marcha de elpaistv.com ou o lanzamento dun portal global que será a porta de entrada para todos aqueles que se conecten a elpais.com dende fora de España.

PUBLICIDADE