Dispoñíbeis na Rede as pezas gañadoras do certame Enreguéifate 2024

martes, 12 de marzo do 2024 S. P.

Finalmente os cinco concellos organizadores (Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo) do certame Enreguéifate, que vai pola súa sétima edición, deron a coñecer as propostas premiadas no concurso, unha iniciativa destinada a visualizar nas redes a nosa tradición de improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír por medio dela á promoción do uso da lingua galega.
Coma en edicións anteriores, o certame contou con dúas categorías: unha xeral, para calquera persoa, e outra escolar, para o alumnado dos centros educativos galegos non universitarios; e cun total de seis premios en cada unha das categorías: á regueifa máis brava, á máis aguda, á máis diversa, á máis reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada.
O xurado estivo composto por Carme Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Fátima Souto, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; e Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro. Valoraron un total de 56 regueifas, 47 delas inscritas na categoría escolar e 9 na xeral.
Estas son os vídeos gañadores, que poden verse na web do certame ou na canle de Youtube:
• A máis brava: Arrieiro e Chaminho Cumbia do choque.
• A máis aguda: Escola de Regueifa de Carballo. Vai de voda.
• A máis diversa: Teiseiros Regueifeiros. Regueifa pola saúde mental.
• A máis reivindicativa: Iván e Aroa. Regueifa de coidar a terriña.
• A mellor cantada: Grupo Xuvenil da Terceira Idade de Poio. Sempre vida.
• A mellor falada: As da Muiñeira. Os deberes.
Categoría escolar
• A máis brava: Os Máis Bravos. Queremos moito ás nosas profes. Alumnado do CEIP de Bormoio-Agualada (Coristanco).
• A máis aguda: Regueiferxs Da Chá. Regueifando apréndese mellor. Alumnado do IES Santiago Basanta Silva (Vilalba).
• A máis diversa: 2º B Quiroga Palacios. O noso Entroido. Alumnado do CEIP Pluringüe Cardeal Quiroga Palacios (Santiago de Compostela).
• A máis reivindicativa: 6º E.P. CEIPP Santa María do Castro. O granulado non é pasado. Alumnado do CEIPP Santa María do Castro, Cabo de Cruz (Boiro).
• A mellor cantada: Regueifeiras do Camballón. A nosa música na nosa voz. Alumnado do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces).
• A mellor falada: Regueifeiros de Razo. Regueifa en Razo. Alumnado do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo (Carballo).
O xurado acordou ademais conceder un accésit á Regueifa máis inclusiva a Noa e Martín polo vídeo Todo isto son mentiras (IES Antonio Fraguas, Santiago de Compostela).
O 3 de abril terá lugar a entrega de premios nunha gala no Teatro Principal de Santiago de Compostela ás 11 horas. O evento estará conducido por Manolo Maseda e Séchu Sende, e polas formadoras do certame Enreguéifate Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces, e será un percorrido polas formas de improvisación oral galegas no que non faltará a música en directo.

PUBLICIDADE