Desvélase a relación de relatores da vindeira edición de TEDxGalicia

mércores, 15 de xuño do 2016 Redacción

O vindeiro 16 de xullo a partires das 11:00 horas botará a andar unha nova edición de TEDxGalicia no andar -1 do Museo Gaiás, que baixo o lema De que está feito o futuro? xuntará diversos relatorios nos que explorarán como imos ser como individuos e sociedade, así como chamará á reflexión sobre o noso papel no rumbo que estamos a tomar.
Estamos ante a edición máis ambiciosa desta serie de eventos locais independentes organizados baixo o paraugas das siglas TED (Tecnoloxía, Entretemento e Deseño), xa que desta volta en vez de 2 sesións de charlas, realizaranse 3, de xeito que unha sesión matinal completará o programa que habitualmente só estaba dividido en dúas sesións de tarde.
As sesións están compostas por intervencións inferiores aos 18 minutos de duración e pese a que non se coñecía o programa da vindeira edición, hai semanas que se esgotaron os billetes para poder asistir a este evento que durante as últimas horas desvelou o seu cadro de relatores a través de catro vídeos publicados en Facebook.

O cómico e informático Víctor Grande será un dos relatores da nova edición de TEDxGalicia

Deste xeito por fin sabemos que as intervencións correrán a cargo da economista ambiental María Loureiro, o músico Carlos García Amigo, a xestora de Doutroxeito Coworking Chus Prol, o actor Óscar Rodríguez, a experta na xestión do optimismo nas organizacións Belén Varela, o divulgador tecnolóxico Marcus Fernández, a autora do libro NETiqueta. Comunicación en Entornos Digitales Mar Castro, o informático Javier Pedreira Wicho, a pintora Dores Allegro, o pai Ricardo González, o ruralista Xosé Luís Carrera, a artesá Idoia Cuesta, o deseñador Juan Ares, o cómico Víctor Grande, o xornalista Nacho Carretero, o mestre Alberto Sacido e o arqueólogo José Manuel Costa.
Os relatorios grávanse en vídeo para a súa posterior publicación en YouTube, fórmula coa que as charlas TEDx buscan chegar ao grande público, facilitando así a divulgación dos temas abordados en cada edición anual destes eventos independentes que van collendo cadansúa identidade e consolidando unha comunidade ao seu redor, como se demostra polo poder de convocatoria que teñen estas xornadas en Galicia, cun público entregado adquirindo os billetes a cegas de xeito anticipado, como un xeito de contribuír a que estes encontros continúen adiante co seu pulo habitual.

Entre os relatores confirmados nos últimas horas figuran Mar Castro e Javier Pedreira Wicho