Deseñan un software que mide a intensidade das manchas da pel

venres, 29 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Científicos da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC) veñen de presentar un novo sistema que permite determinar “de xeito doado e obxectivo” a cor e as manchas da pel empregando un ordenador e unha cámara fotográfica, o que vai permitir estudar as variacións cromáticas ó longo dos tratamentos dermatolóxicos.
Así o afirma un artigo publicado na revista Skin Research and Technology onde tamén se asegura que con esta técnica se evitan as percepcións subxectivas nas análises dos tons da pel realizando unha avaliación dos resultados moito máis precisa cá feita polo ollo humano.
O sistema require conectar unha cámara dixital con CCD a un ordenador, iluminando a epiderme cunha fonte de luz constante para uniformar as diversas tomas. Unha vez gravada a imaxe, un software específico identifica as coordenadas CIELab, un modelo colorimétrico que se axusta “bastante” á percepción humana e cuantifica as cores mediante a análise da luminosidade, balance entre vermello e verde e balance entre azul e amarelo.
O programa facilita ademais o denominado parámetro ITA, que permite clasificar a pel humana segundo o seu ton.
As imaxes resultantes permiten comparar o “antes e o despois” dos tratamentos dermatolóxicos así como coñecer os cambios de tonalidade na pel e as variacións dos diversos tipos de manchas, grans e pencas.
Un dos autores do proxecto, Josep Pladellorens afirmou que o sistema “xa está funcionando perfectamente na industria cosmética” e destacou a posibilidade de aplicalo tamén en tratamentos dermatolóxicos médicos como o estudo da evolución dos melanomas.

PUBLICIDADE