Convocada dende a USC a segunda edición do certame Somos a curta!

mércores, 6 de xuño do 2012 Fernando Sarasketa

Temos novo concurso audiovisual galego á vista, logo de darmos conta este mércores da resolución do convocado a través da Rede CeMIT. Ou sexa, que quen teña entre mans proxectos creativos aos que dar corpo, empregando unhas ferramentas cada vez máis accesíbeis (móbiles de última xeración con cadansúa cámara, redes para xuntar apoios, divulgar e distribuír) non vai ter parada. Desta volta toca falar da segunda edición do Premio de curtas de comedia Somos a curta!, un certame dirixido aos estudantes das universidades galegas, de Imaxe e Son ou de Bacharelato artístico e que ten como finalidade impulsar o lado máis divertido da nosa creatividade a través dos novos recursos de creación e participación.
Segundo se conta no Cartafol da Universidade de Santiago, para participar no concurso teremos que enviar tres DVD coa peza en cuestión (candidata) e os datos correspondentes á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC (organizadora dos premios a raíz dunha proposta da Linga Estudantil) antes do 7 de novembro. Unha semana máis tarde, o 14 de novembro, todas as curtas presentadas exhibiranse nunha gala especial na propia Facultade, na que o xurado outorgará dous premios de 400 e 200 euros, e o público elixirá que fita leva o seu premio, galardoado con diploma honorífico.
O obxectivo do concurso é “promover o uso da lingua galega como vehículo para a creatividade dos novos valores do audiovisual galego; premiar os dotes lingüísticos, técnicos, artísticos e humorísticos dos estudantes galegos e, finalmente, e non menos importante, gozarmos dunha xornada de humor na nosa lingua”.
Lembrar que esta edición é a segunda do dito certame, e que na primeira impúxose Longa noite de verga, curta de provocador título que veu da man de Anxo Franco Couceiro e Iago Seoane Rodríguez, e coa que gañaron o único premio de 600 euros con que estaba dotado o concurso a pasada edición. Ao certame presentáranse doce curtas, e o xurado, formado polo actor Miguel de Lira, o crítico e director Xurxo González, e os profesores e membros da CNL organizadora Xosé López e Marta Pérez Pereiro, preseleccionou cinco títulos: Lectura pracenteira, Longa noite de verga, O crepúsculo de Von Carter, Pericosis e Xizeitor.

PUBLICIDADE