Comezan os traballos para implantación da eAdministración en Compostela

luns, 4 de xuño do 2018 Redacción

A pasada semana, a sexta feira (venres), o Concello de Santiago deu finalmente comezo ao proceso interno para a implantación da Administración Electrónica no seo da propia entidade local. A posta en marcha dos traballos materializouse cunha primeira xuntanza de coordinación que estivo presidida polo concelleiro de Medio Ambiente, Convivencia e Informática, Xan Duro. Na reunión, a empresa adxudicataria informou aos representantes municipais dos que serían os primeiros labores a realizar ao abeiro do proxecto, sendo o seu obxectivo “acadar a modernización global da xestión municipal”. O Goberno santiagués destinará máis de 1,8 millóns de euros á nova plataforma.
En detalle, o obxectivo da reunión do pasado venres foi fixar un primeiro calendario para o desenvolvemento e posta en marcha da iniciativa de eAdministración de “forma gradual”. En palabras do Goberno compostelán, trataríase do proxecto local de optimización administrativa (e de comunicación e de xestión) “máis relevante da historia recente do Concello”.
O prazo para dar rematada a iniciativa é de dous anos. Entre outras cousas, quérese botar man das máis avanzadas tecnoloxías para “facilitarlle á veciñanza a súa relación coa administración e permitirlle realizar a maioría dos trámites desde as súas casas, de maneira telemática”. Para isto, habilitarase unha plataforma de eAdministración con sede e rexistro electrónicos e un novo xestor de expedientes. Asemade, informaron os responsábeis do Concello, “permitirase modernizar a xestión tributaria e de tesourería ou a xestión do padrón de habitantes”.

PUBLICIDADE