Comeza a formación online de En Lugo Si, a campaña da Deputación para impulsar o comercio na desescalada

luns, 1 de xuño do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo lanzou os días pasados unha campaña para reactivar o consumo no comercio local, a hostalería e o turismo a nivel provincial: a campaña En Lugo, Si, unha iniciativa innovadora destinada a garantir unha volta á normalidade segura, equilibrada, eficaz, revitalizadora e estábel ante a crise da COVID-19. Este luns a Deputación abriu o o prazo de inscrición no programa formativo para negocios e profesionais do comercio, a hostalería e o turismo que organiza a institución dentro da campaña. Esta iniciativa formativa, a primeira das actividades de En Lugo, Si, realizarase en liña a través de Internet a partir do día 15 de xuño.
A iniciativa está pensada para apoiar ás empresas e traballadores na aplicación de medidas de prevención e hixiénico sanitarias, garantindo a comodidade e o benestar do cliente. As inscricións deben formalizarse ata as 23:59 horas do día 14 de xuño na páxina web de Noa Innova. As prazas daranse en rigorosa orde de inscrición, polo que se aconsella cumprimentar a documentación nos primeiros días para non quedar sen praza.
O plan formativo, de 20 horas de duración, conta con 300 prazas e está dirixido aos negocios dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, en tanto que o Concello de Lugo xa ten o seu propio programa.
A Deputación entregará un diploma que acreditará que os negocios participantes realizaron esta formación e son, polo tanto, “establecementos seguros”. As persoas que se inscriban deben cumprimentar unha ficha cos seus datos persoais e con datos que acrediten que pertencen á empresa na que traballan.

PUBLICIDADE