Chegan novas axudas para equipar con banda larga ultrarrápida empresas e autónomos do rural

venres, 9 de novembro do 2018 Redacción

Que Internet estea onde menos esperas atopalo. Este é un dos obxectivos do Plan de Banda Larga 2020 e este é, tamén, o obxectivo da nova convocatoria de axudas que vén de achegar a axencia AMTEGA para equipar con banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos de zonas illadas da nosa terra. As axudas poderanse solicitar até o 31 de xaneiro. A nova convocatoria, que se publicou este 9 de novembro no Diario Oficial de Galicia, forma parte (precisamente) do devandito Plan de Banda Larga 2020.
Ao abeiro deste novo paquete de subvencións, os interesados poderán presentar cadansúas solicitudes de maneira individual ou en agrupación de empresas (co fin de facilitar a dotación dos servizos ultrarrápidos ás empresas e autónomos situados en localizacións próximas). Segundo nos conta a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que dirixe Mar Pereira, esta liña de axudas complementa a lanzada en 2017, con obxectivos análogos de apoiar ás empresas e máis aos autónomos, e cun orzamento de 500.000 euros. A segunda convocatoria, a presentada este 9 de novembro no Diario Oficial de Galicia, engade á devandita contía outros 600.000 euros máis.
Segundo informa AMTEGA, as axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por proxecto. Porén, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.
Estas subvencións co-fináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o 31 de xaneiro dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG.
Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes “serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 Mbps e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano”. Para cada solicitude valorarase “a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas”, segundo explica a devandita axencia autonómica.
Outras actuacións dirixidas ao espallamento de redes ultrarrápidas
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020, puxo en marcha en xullo de 2016 unha primeira actuación para conectar en dous anos un total de 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo. Todo isto implicou que tralo remate do mes de outubro de 2018 contabilizáronse un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, que dispoñen de acceso a redes de máis de 100 Mbps.
Por outra banda, o Plan da Xunta conta con outra actuación que comezou neste ano 2018 para despregar fibra óptica en núcleos de 181 concellos de toda Galicia. Cun investimento público, que subvenciona o 90% dos custos dos traballos de despregue, facilitarase o acceso a redes de máis de 100Mbps a 74.400 galegos de núcleos de menos de 300 habitantes. Segundo lembra AMTEGA, esta actuación súmase ás que está a desenvolver o Estado na Comunidade, “que beneficiarán a máis de 258.000 persoas que viven en núcleos de maior tamaño”.
Plan de Banda Larga 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.

PUBLICIDADE