Chega unha serie web galega que nos redescubre o medievo da man de Prado Rúa: Conexión co Reino

martes, 26 de marzo do 2024 S. P.

Temos nova serie web galega e en galego: Conexión co Reino. Trátase dunha produción que abrolla directamente da illa de Arousa e da man da produtora Brava, unha miniserie de divulgación que achega o medievo galego aos nosos días. En Conexión co Reino, cada capítulo enlaza elementos ou intereses do noso día a día que se deron ou naceron no Reino de Galicia.
A través desta serie web reformúlase o concepto de documental e trasládase contido “denso e teórico” a un formato nativo dixital, conducidos todos estes ingredientes innovadores pola galega Prado Rúa.
A través desta nova produción poderemos descubrir cousas como a relación entre as nosas regueifas coas batallas de galos de Red Bull, ou os vencellos dalgúns dos nomes viquingos máis famosos, coma Gudrod, co municipio de Catoira Relacións tan inesperadas e curiosas coma estas son as que se comparten en Conexión co Reino da man da creadora de contido Prado Rúa (@prado_rua), quen conta con 20 mil seguidores en Instagram e é coñecida por achegar a cultura galega ao público novo con gran éxito.
O proxecto, idea orixinal de Cristela Torres, é gañador do premio do Fondo de Proxectos Culturais do Reino de Galicia da Deputación da Coruña 2023. Acompáñana no equipo Belén Puime como guionista e directora (@prigadas.vibes) e Álex Tajuelo na montaxe, ademáis da produción por parte da produtora nova máis relevante do panorama actual, Brava (@brava.gal), liderada por Cristela Torres e Bea Villar.

PUBLICIDADE