A Deputación de Pontevedra lanza un concurso de relatos audiovisuais para conmemorar o Día dos Museos

mércores, 27 de marzo do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra pon en marcha o Concurso Micromuseo, co que conmemorará o Día Internacional dos Museos, que se celebra o vindeiro 18 de maio baixo o lema Museos pola educación e a investigación e que está enfocado á comunidade escolar. O obxectivo con este certame, que se convoca este ano por vez primeira, é promover e apoiar a cultura e implicar directamente a comunidade escolar para contribuír ao coñecemento do valioso patrimonio cultural da provincia que se atopa no Museo de Pontevedra.
O concurso, enfocado a estudantes de educación primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional de centros escolares situados na provincia de Pontevedra, consistirá na presentación dun microrrelato en lingua galega en formato audiovisual de non máis de 60 segundos. Para levar a cabo os traballos deberán tomar como eixes temáticos ou argumentais os distintos edificios que compoñen o Museo ou calquera peza exposta nos edificios Castelao ou Sarmiento ou nas Ruínas de San Domingos, actualmente abertos ao público. O prazo para presentar os traballos comeza hoxe, 27 de marzo, e remata o 31 de maio. Os centros escolares interesados en participar deberán inscribirse por vía electrónica a través da Sede electrónica da Deputación.
A participación debe facerse en grupo, formado por entre 2 e 5 estudantes e un representante do centro escolar, e cada centro escolar só poderá presentar dous microrrelatos por categoría, que serán tres: a primeira, para oes estudantes de 5º e 6º de primaria; a segunda, para os que se atopen na ESO, e unha terceira para estudantes de bacharelato ou ciclos formativos. En canto aos galardóns, haberá un primeiro premio por categoría, dotado con 1.000 € para o centro escolar, tabletas para cada estudante do grupo e un lote de libros do Museo, e un segundo que constará de libros electrónicos para cada estudante do grupo e un lote de libros do Museo.

PUBLICIDADE