Call of Duty chega a Switch 2 e di adeus a PS4 e Xbox One
xoves, 28 de maio do 2026
O equipo de Call of Duty confirmou oficialmente o lanzamento de Call of Duty: Modern Warfare 4, nova entrega da saga bélica de Activision que estará dispoñible o 23 de outubro de 2026 para Xbox Series X|S, PlayStation 5, PC e Nintendo Switch 2. O xogo abandona definitivamente as consolas da anterior xeración, polo que non contará con versións para PlayStation 4 nin Xbox One.
A campaña sitúa a acción nun escenario de guerra na península de Corea tras unha invasión lanzada por Corea do Norte, conflito que acaba desencadeando unha crise internacional. A narrativa alternará entre a experiencia de Park, un novo soldado surcoreano que afronta os seus primeiros combates, e o capitán Price, convertido agora nun operador fóra da lei que desenvolve misións clandestinas mentres procura vinganza persoal.
As misións levarán os xogadores desde trincheiras coreanas ata operacións urbanas en Nova York, persecucións en París, incursións nocturnas do SAS en Mumbai e combates para recuperar cidades ocupadas. O argumento busca ofrecer un ton máis escuro e dramático, levando varias tramas recorrentes da franquía cara ao seu clímax.
O modo multixogador introduce importantes cambios no sistema de combate. Infinity Ward asegura que o obxectivo pasa por ofrecer a experiencia armamentística máis auténtica da serie mediante unha nova tecnoloxía balística que modifica a traxectoria das balas, o retroceso, a postura do operador, o son e a visibilidade. Tamén desaparece o efecto de dispersión tipo bloom nos disparos desde a cadeira, facendo que sexan máis previsibles e precisos.
O sistema de movemento foi reformulado para favorecer desprazamentos máis fluídos e dinámicos, ampliando as posibilidades para escalar, colgarse, saltar ou cambiar rapidamente de posición durante os enfrontamentos. O estudo insiste en manter un equilibrio entre realismo militar e sensación cinematográfica.
No lanzamento haberá 12 mapas principais ambientados en diferentes lugares do mundo, ademais de escenarios específicos para o modo Tiroteo e mapas de Gran Guerra centrados en vehículos e combates multitudinarios. Entre as novidades destaca Kill Block, un campo de adestramento modular que cambia a súa configuración entre roldas e pode xerar máis de 500 combinacións distintas.
A personalización tamén medra cun sistema de armamento redeseñado que unifica operadores, armas, equipamento e rachas de baixas. O armeiro introduce accesorios compartidos por clases de armas e engádese o chamado Sargento, unha ferramenta que recomenda configuracións adaptadas ao estilo de xogo do usuario. Os accesorios Apex permitirán modificar de maneira máis profunda o comportamento das armas unha vez alcanzado o nivel máximo.
O sistema de Prestixio dividirase agora en dúas modalidades. O Prestixio clásico reinicia completamente o progreso de creación de clases a cambio de maiores bonificacións de experiencia, mentres que o Prestixio normal permite volver ao nivel 1 mantendo desbloqueados os armamentos.
DMZ continuará presente como experiencia de extracción integrada no universo de Call of Duty. Os xogadores asumirán o papel de axentes encubertos que deben recuperar tecnoloxía militar en territorios ocupados, cun mundo dinámico no que cambiarán as condicións meteorolóxicas, os obxectivos militares e os movementos das forzas inimigas.
A parte técnica aposta exclusivamente polo hardware actual. O xogo contará con melloras gráficas centradas en iluminación, efectos atmosféricos, renderizado de personaxes e trazado de raios. En PC haberá soporte para DLSS 4.5, opcións avanzadas de xeración de fotogramas e amplos axustes gráficos orientados tanto ao rendemento competitivo como á máxima fidelidade visual.
Nintendo Switch 2 recibirá por primeira vez en máis dunha década unha entrega principal da subsaga Modern Warfare. O desenvolvemento desta versión corre a cargo de Infinity Ward en colaboración con Digital Legends, e haberá máis detalles durante o verán.
A chegada de Modern Warfare 4 tamén implicará cambios importantes para Call of Duty: Warzone. Desde a tempada 1 integrarase o progreso e o contido de ambos títulos, mentres que as versións de Warzone para PlayStation 4 e Xbox One deixarán de estar dispoñibles. O 4 de xuño cesarán as novas descargas nesas plataformas e o 25 de xuño desaparecerá a tenda interna do xogo neses sistemas.
Tráiler de presentación de Call of Duty: Modern Warfare 4
