Blanca Gómez, nova directora de recursos humanos de Microsoft Ibérica

martes, 13 de decembro do 2011 Raquel Noya

Microsoft Ibérica, a filial española do xigante americano do software Microsoft, vén de nomear unha nova directora de Recursos Humanos para a zona de España e Portugal, que se incorporará á plantilla despois das vacacións de Nadal, o vindeiro día 9 de xaneiro.
Blanca Gómez, que accede ao posto dende Coca Cola Iberia, onde ocupaba dende o 2004 o mesmo cargo que lle veñen de asignar agora na TI, será responsable da elaboración da estratexia e da execución das políticas de Recursos Humanos da compañía, campo no que atesoura unha ampla experiencia adquirida durante os seus máis de 24 anos de traxectoria profesional.
Dende este posto clave para a firma, Gómez, en coordinación cos obxectivos de negocio da filial española, centrará os seus esforzos no desenvolvemento de estratexias que fomenten o liderato que a filial asegura “manter dende hai anos na área de recursos humanos”.
Estas iniciativas estarán encamiñadas cara a mellora constante do entorno laboral, o desenvolvemento persoal e profesional dos máis de 700 empregados de Microsoft Ibérica, o pulo á diversidade e á inclusión, a promoción da flexibilidade laboral e o teletraballo a través da dotación de ferramentas TIC.

PUBLICIDADE