Betabeers serviu de escaparate a varios proxectos galegos

venres, 4 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Alberto Basalo explicou as vantaxes dos desenvolvementos web con tecnoloxías de tempo real

As instalacións do espazo de coworking WeKCo, sito na Avenida Novo Mesoiro da Coruña, serviu hoxe de escenario para a celebración da oitava edición de Betabeers Galicia, encontro para desenvolvedores web e de aplicacións móbiles coordinado por Reinaldo Aguilera e que comezou cun relatorio impartido por Alberto Basalo (Docuralia) sobre o desenvolvemento de aplicacións web en tempo real, no que conseguiu explicar tanto as posibilidades desta tecnoloxía como as ferramentas que podemos atopar para tirar proveito da mesma para desenvolver solucións web que poden ir dende un sinxelo chat ata un servizo que amose datos actualizados a cada momento.
A continuación, e como incorporación de última hora, César Quinteiro (Intergal) explicou da súa integración para JAK (banca libre de intereses), intervención coa que púxose fin á parte máis técnica de este evento que nunha segunda parte serviu de escaparate dun par de novos proxectos.

Marcos Espada explicou o salto de MobGen de Holanda a Galicia

Marcos Espada e Javier de la Peña explicaron as súas experiencias en MobGen, compañía nacida en Ámsterdan, que tras abrir sedes en Londres e Singapur atrévese agora coa Coruña, onde están comezando a operar desenvolvendo aplicacións para iOS e Android, realizando controis de calidade de software e atendendo a grandes clientes como Autotrack.nl, Aegon, VimpelCom ou KPMG. Amosaron algunhas das súas aplicacións móbiles, deixando claro que na actualidade o mercado xa está a demandar solucións complexas, e non se conforman con simples ferramentas promocionais, aproveitando o potencial das apps para banda electrónica, equipos de vendas, ferramentas de traballo... deixando bastante espazo para a innovación.
Pechou a para forma deste encontro a presentación do proxecto Seidunsitio.com, no que os seus responsables, Ero Sante e Sabela Cinza, detallaron o que pretenden con esta iniciativa de información turística cun enfoque diferente, á vez que aproveitaron para comentar distintos atrancos que están a atopar para que esta iniciativa chegue a converterse no que perseguen, o que podería ser realidade en poucos meses.
Tras estas intervencións en WeKCo, os asistentes trasladáronse a un local das proximidades para facer networking, para ser consecuentes co nome deste tipo de encontros que están conseguindo consolidarse na nosa comunidade.

Os responsables de Seidunsitio.com explicaron o que pretenden acadar co seu proxecto web