BeOne e o Concello de Brión poñen en marcha #EuAdestroNaCasa
venres, 27 de marzo do 2020
A
empresa Grupo Serviocio BeOne segue a colaborar cos nosos concellos
para poñer a disposición da veciñanza local a súa aplicación de
exercicio físico, moi acaída para estes tempos de reclusión
forzosa nos nosos fogares. Se os días falamos do
fornecemento da ferramenta para xente de Rianxo, hoxe foi a
quenda do Concello de
Brión, onde o grupo
BeOne é adxudicatario da xestión da Piscina Municipal.
En
Brión, ao abeiro dun acordo entre a empresa e o Goberno local,
púxose en marcha o programa #EuAdestroNaCasa, unha iniciativa de
balde e aberta para toda a veciñanza do municipio que inclúe máis
de 300 clases virtuais de tonificación, baile, HIIT, meditación,
ioga e pilates, co fin de que poidan seguir mantendo a súa
actividade física mentres dure o confinamento.
Silvia
Fadeville Cajuso, directora da Piscina de Brión, explica que “non
é o momento de volvernos sedentarios. Ao contrario, debemos estar
máis fortes que nunca para poder vencer entre todos esta
adversidade. Por iso, Grupo Serviocio BeOne quere abrir esta
iniciativa, que puxo ao alcance dos usuarios da piscina, a todos os
veciños e veciñas de Brión e de forma gratuíta”.
Para
participar só é preciso que se rexistren na
páxina web da empresa, e logo obter as claves de acceso á
aplicación móbil, que como dixemos, conta con máis de 300 clases
virtuais que os veciños e veciñas de Brión poden realizar dende as
súas casas e á hora que estimen oportuna.
O
alcalde de Brión, José Luís García, agradeceu a colaboración do
Grupo Serviocio BeOne e animou á veciñanza a sumarse á iniciativa
pois “canto máis activos e máis sans esteamos, máis axiña
conseguiremos superar esta crise sanitaria”.