A iluminación de Compostela será máis eficiente e sustentábel grazas a Telefónica Tech

martes, 19 de marzo do 2024 S. P.

A dixitalización da iluminación pública de Santiago de Compostela vén de ser asignada a Telefónica Tech como socio tecnolóxico da UTE formada por Ferrovial e Endesa X. Dicir que esta acción está inserida no proxecto de mantemento e subministración da iluminación pública exterior do municipio galego adxudicado á dita UTE.
Deste xeito, Telefónica Tech implementa, en colaboración con Tellink, a súa solución de iluminación intelixente que permite a Ferrovial e Endesa X telexestionar por completo as luminarias LED e conseguir melloras de eficiencia e de aforro enerxético. Para iso, Telefónica Tech desprega máis de 10.000 nodos con conectividade NB-IoT, deseñados e fabricados por Tellink, sobre os diferentes farois do termo municipal para monitorizar o seu funcionamento, reportar posíbeis fallos en tempo real e enviar toda a información recollida a unha avanzada plataforma de software para a súa análise e xestión.
O novo sistema de iluminación LED intelixente de Santiago de Compostela está preparado para adaptalo ás necesidades reais de cada municipio. Grazas a esta solución tecnolóxica de Telefónica Tech, o consorcio poderá, por exemplo, xestionar individualmente de maneira remota o aceso e apagado de cada farol, modificar os niveis de intensidade lumínica durante a noite ou adaptar os niveis de iluminación de cada zona para a celebración de eventos especiais.
Dotar de intelixencia ás luminarias non só contribúe a mellorar a eficiencia enerxética, senón que optimiza as tarefas de mantemento e a xestión das instalacións, monitorizando o consumo e actuando fronte a posíbeis desviacións inxustificadas. De feito, o sistema está preparado para detectar fallos da iluminación antes de que estes se produzan e afecten á cidadanía.
Alfredo Serret, director global de IoT de Telefónica Tech, explica: “A nosa solución de telexestión de luminarias dota de intelixencia á iluminación pública para proporcionar importantes eficiencias, adicionais ás propias da tecnoloxía LED, e contribuír á sustentabilidade das cidades. En definitiva, supón evolucionar do concepto tradicional de cidade cara á Smart City, onde os elementos están conectados compartindo información para achegar un mellor servizo á cidadanía”.
Engadir que a solución de iluminación intelixente de Telefónica Tech conta co selo Eco Smart de Telefónica, verificado por AENOR, polos beneficios ambientais que xera nos clientes.

PUBLICIDADE