BSA iniciou o ano pasado 361 accións legais contra a piratería de software

mércores, 21 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Business Software Alliance (BSA) é a organización que vela polos intereses da industria do software, intereses que dende logo chocan de fronte coa práctica de torrar a eito todo tipo de programas informáticos protexidos con licenzas pechadas e logo sacar tallada con elo. Tendo en conta que esa é unha das preocupacións básicas da plataforma, se cadra tamén cae de caixón que cada pouco tempo lles lancen mensaxes de ameaza ós que practican a piratería ou ós que estean a piques de facelo, como recordatorios de que en BSA fanse seguimentos exhaustivos.
Máis ou menos nesa liña cómpre situar un comunicado recente da organización no que se advirte de que en 2006 practicamente houbo unha acción legal por día contra a copia ilegal, en concreto 361.
E todo isto sen saír de España. Foron, na súa gran maioría, accións legais contra empresas, distribucións e entidades que supostamente vulneraron os dereitos de propiedade intelectual do software.
Malia todo, BSA sinala que non se meteu tanto en accións legais contra a piratería como en labores de concienciación e sensibilización arredor dos beneficios do software legal e da defensa dos postos de traballo que dependen del. Polo tanto, sinala a plataforma, o miolo do esforzo estivo sobre todo en informar ás pequenas e medianas empresas de todo o que perde a industria do software propietario cada vez que aquelas poñen en mans dos usuarios programas pirateados (non é casualidade que BSA pete nas portas das pemes, posto que segundo os últimos estudos, do software que se manexa nelas, o 70% é copiado de xeito ilegal). É nesa liña de facer campaña de información onde se sitúa o acordo asinado entre BSA e a Axencia Tributaria a finais de 2005 e que tiña por obxecto a loita conxunta contra as redes de fraude fiscal e as actividades que vaian a contrapelo dos dereitos de propiedade intelectual e industrial.

PUBLICIDADE