BFAero captará sete novos proxectos con vehículos non tripulados até o 22 de outubro

xoves, 10 de setembro do 2020 Redacción

A aceleradora Business Factory Aero (BFAero), integrada no Polo Aeroespacial de Galicia (no marco do Civil UAVs Initiative da Xunta de Galicia), atópase mergullada de cheo no proceso de captación da súa terceira convocatoria, un programa de emprendementto a través do cal seleccionaranse sete novos proxectos. En palabras do Goberno galego (impulsor da BFAero a través do IGAPE, XesGalicia e a Axencia Galega de Innovación, GAIN), a aceleradora confírmase un ano máis, por terceira vez, como un polo de atracción de talento en materia de tecnoloxías aéreas (drons, vehículos non tripulados e as múltiples tecnoloxías de seguimento, voo, análise e monitoraxe que os acompañan).
A Xunta engade que as candidaturas poderán chegar de toda España e a nivel internacional e que as empresas, entidades e startups poderán presentar as súas candidaturas para os programas de incubación e aceleración até o próximo 22 de outubro ás 14.00 horas.
Unha ducia de proxectos voando
BFAero xa impulsa doce proxectos chegados de centros tecnolóxicos, universidades e spin-out empresariais nas súas dúas primeiras convocatorias: nove deles galegos e tres do resto de España. Como dixemos, nesta terceira convocatoria escollerá sete novas ideas, tres para o seu programa de incubación e catro para o de aceleración.
Nas dúas primeiras edicións do programa, un total de 94 candidaturas optaron ás doce prazas finais. Como novidade con respecto ás dúas primeiras edicións, BFAero inclúe unha nova área temática para a presentación de proxectos: a de ideas innovadoras para combater a COVID-19 a través de solucións con vehículos non tripulados.
O Goberno galego engade que as empresas e startups “cunha idea que dalgún xeito poida aplicarse aos vehículos non tripulados (aéreos e mariños) teñen a oportunidade de presentarse a esta terceira convocatoria, que conta cun importante apoio de entidades públicas e empresas multinacionais de referencia como Indra e Babcock”. Ademais, GAIN salienta que “existen múltiples áreas temáticas que poden dar o chimpo a este sector, aplicando e adaptando a súa solución tecnolóxica a este eido de actividade”.
BFAero ofrece aos seus proxectos acelerados un completo plan para o desenvolvemento e lanzamento do seu produto no mercado local, nacional e internacional, cunha duración total de 12 meses tanto para a etapa de incubación como para a de aceleración. Desta maneira, as ideas que sexan seleccionadas terán á súa disposición sesións de titorías e asesoramento (mentoring) con expertos no sector, ademais de acceso ás instalacións do aeródromo de Rozas e aos equipos da Civil UAVS Initiative.
Tamén contarán con oficina de seu e espazos para realizar traballo colaborativo e innovador (coworking) e recibir unha completa formación en todos os aspectos que afecten o seu plan de negocio nas instalacións da Fundación CEL-iniciativas por Lugo, onde se atopa o equipo xestor de BFAero.
Os proxectos contarán ademais con asesoramento tecnolóxico e acceso a potenciais clientes de ámbito internacional. Poderán dispor de UAVs de Indra e Babcock de forma gratuíta, horas de voo bonificadas e a opción de obter a certificación de piloto de drons.
Importante apoio económico a fondo perdido
A Xunta destaca que “BFAero é a aceleradora do sector que prevé unha maior dotación de apoio económico por proxecto de toda a Unión Europea”. As iniciativas escollidas disporán do apoio económico da Administración autonómica, accedendo a un financiamento de até 50.000 euros a fondo perdido tanto na fase de acubillo como na de aceleración. A maiores, optarán a un financiamento en forma de préstamos de Indra (a través de Indradventures) de entre 50.000 e 500.000 euros en incubación e sen límite en aceleración. Ademais, na fase de aceleración terán acceso a préstamos participativos de até 250.000 euros de XesGalicia.
“Todo isto”, explica o Goberno galego, “fai de BFAero unha iniciativa de vangarda, non só polo seu equipo promotor, líder no sector, senón por ser un proxecto de equipo”. Aos membros da Xunta, que inclúen ao IGAPE, XesGalicia e a Axencia Galega de Innovación (GAIN), súmanse empresas referentes como Indra ou Babcock, o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e un ecosistema aberto do que forman parte o tres universidades galegas, centros tecnolóxicos e o Consorcio Aeronáutico de Galicia (CAG), que representa no comité executivo da aceleradora a todos os membros do mesmo, ademais dunha rede de pequenas e medianas empresas que achegan valor ao programa.
Toda a información sobre o programa e as bases completas da terceira convocatoria de BFAero poden ser consultadas a través da web do proxecto.

PUBLICIDADE